O drama da sobremesa en «Come a comarca»: «Isto así non vale»

TELEVISIÓN

Fran Cañotas, presentador, custodiado polos xefes de salgados e doces marca o final do cociñador aos equipos de Trives e Verín
Fran Cañotas, presentador, custodiado polos xefes de salgados e doces marca o final do cociñador aos equipos de Trives e Verín

A Terra de Trives venceu a Verín na competición gastronómica que emite cada mércores pola noite a Televisión de Galicia. Neste episodio os equipos comarcais viviron un emocionante cociñado no que se lles atragantou a elaboración dunha filloa moi especial

07 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A batalla prometía. Fran Cañotas, mestre de cerimonias de Come a comarca. As batallas, afanouse en vender como é debido os produtazos que daban as comarcas que ían medirse en directo nas cociñas. Dous exemplos: deu de comer a unhas impoñentes vacas -de raza limusina- que pastaban no alto de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives) e mesmo coñeceu o único criadeiro de patos de Galicia en Vilardevós (Verín). Todo isto serve, primeiro, para abrir boca, e segundo, ir coñecendo aos dez cociñeiros profesionais da Terra de Trives e Verín -cinco por comarca- que ían loitar pola vitoria. Se hai boa materia prima, sempre hai quen a cociñe. Anxo Fernández, do Hostal La Viuda da Pobra De Trives e Begoña Vázquez, de O Recuncho da Cova de Verín asumían o reto de ser os capitáns. Non é cousa menor, ou como diría aquel expresidente, é cousa maior. Gerson Iglesias e Manuel Garea, xefes de salgados e doces, tiñan preparado un menú a altura.

Se de algo sabemos en Galicia é de comer. E os tres pratos que tiñan que cociñarse daban gana de meterlle o dente. Comezábase con ovo celta, garabanzo bágoa e pan de Cea. De segundo un clásico remasterizado como eran as albóndegas de tenreira con salsa de tomates asados e ñoquis. E a xogada remataba de forma doce cunha filloa, café con plátano e chocolate Tanzania. Que che vai o clásico? Comes todo de boa gana. Procuras algo innovador? Está a altura. Ninguén queda con fame despois de ver (e papar) con este programa. O conto é saber se os equipos darán feito 15 racións de cada prato para que o xurado decida na cata a cegas quen é o mellor. Un conto con final feliz. Só se eres do bando gañador, claro.

Garea sobre a sobremesa: «A min non me vale»

Dende os primeiros momentos, a elaboración do doce, deu problemas aos dous equipos. 90 minutos poden parecer moitos. Pero a filloa proposta por Manuel Garea fixo bola nas cociñas. Na banda de Trives, Berta Cereijo, non era capaz de sacalas da tixola sen que se lle pegasen. Unha montaña ía acumulándose mentres o explorador Garea se achegaba a ela: «Isto a min non me vale». O xefe de salgados apoiaba a teoría: «Eu non lles chamaría nin filloas». «Fágoas así na casa», dicía ela, buscando apoio. «Vale ou non vale, Garea?», metía baza Cañotas. Sentenza breve e demoledora do mestre reposteiro: «non». A solución, improvisada, a semellante engrudo aportouna xa no empratado o capitán trivés. Anxo decidiu coller unha tesoira e cortar o engrudo da forma máis fina posible. Luisa Martínez, encargada no equipo de Trives da crema pasteleira, non acadaba tampouco a textura adecuada: «Faina ti Anxo, por favor», chegou a dicir desesperada.

Os irmáns Prieto, Emilio e José Luis, foron os reposteiros en Verín. Emilio suou e José Luis tentaba calmalo: «respira». «Estou fóra da miña zona de confort», respondía. Garea asistía atónito a unhas elaboracións mal formuladas. Demasiada fariña e grosores pouco admisibles. Pero ollo. Aquí o sabor manda, todo estaba aínda no ar ata a cata.

A sobremesa que tiña que ser elaborada polos equipos da Terra de Trives e Verín
A sobremesa que tiña que ser elaborada polos equipos da Terra de Trives e Verín

«Cada albóndega ten que pesar 50 gramos»

Haberá quen pense que unhas albóndegas nun programa de cociña non son moita cousa. Non viu onte Come A Comarca. Un reto engadido por Gerson Iglesias, xefe de salgados, foi o que Joaquín Prat tería chamado O Peso Xusto. «Quero que cada unidade pese 50 gramos», advertía. Despois foi comprobar cómo ían as elaboracións e saiu descontento do que ocorría en Verín: «isto non ten nada de sal». Tiñan que volver a darlles forma. Sorte, se cadra, que aínda non as fritiran.

A parte central do set. O medio das dúas cociñas. Ese é un espazo capital no programa. Case tanto coma os fogóns. Os atrancos, as visitas de membros do xurado e a presión da conta atrás ao final do empratado execútanse por Fran Cañotas de xeito inexorable dende este lugar, que en canto un ve na pantalla, xa bota as mans á cabeza pensando no que pasará despois. Facer un crocante de Galmesano para as albóndegas -queixo feito en Arzúa con feitura semellante ao parmesano- ou recordar que o ovo celta para potenciar o seu sabor había que facelo a baixa temperatura -as cociñas dispoñían dun trebello chamado Roner que pode facer esa labor-, foron dúas das fochancas que Gerson Iglesias puxo no camiño do cociñado para ámbolos dous equipos.

A cata, o momento decisivo

Se son 15 os membros do xurado. E hai tres pratos, hai 45 puntos en xogo. O equipo que acade o maior número de pratos -ou puntos- que gustaran, gaña. É doado de explicar. Pero moi emocionante de ver, porque a cata é a cegas, e a cada equipo asignáselle unha cor (vermella ou azul). No caso do primeiro prato, o ovo estaba pasado de punto en Verín (10-5 gañou Trives). Remontada nas albóndegas, que tiveron que refacer en Verín (3-12). E na sobremesa, cando Verín tan só prescisaba dous pratos para gañar, foron saíndo sen parar votos para Trives. Ao final, 24-21 para os de Anxo Fernández. Trives gañou a praza na final da provincia de Ourense. A semana que vén, a Terra de Melide e O Barbanza, súmanse á maior competición gastronómica da televisión.

Catro dos cinco membros do equipo de Verín -un membro de cada equipo foi expulsado durante o cociñado para engadir aínda máis dificultade ao cociñado
Catro dos cinco membros do equipo de Verín -un membro de cada equipo foi expulsado durante o cociñado para engadir aínda máis dificultade ao cociñado