Xabarin.gal reforza a súa oferta durante as vacacións de semana santa

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

.

A canle dixital infantil da CRTVG estrea novos espazos para os máis pequenos, como a serie documental «Arborismos» e novos capítulos de «A abella Maia» e «A patrulla canina»

12 abr 2025 . Actualizado a las 11:24 h.

Xabarin.gal, a canle dixital infantil da CRTVG, ten preparadas para este mes de abril unha morea de estreas, que inclúen un reforzo de contidos durante as vacacións escolares de Semana Santa. 

Desde o 11 de abril, está dispoñible Arborismos, unha serie documental galega, dirixida por Cora Peña, sobre os trazos diferenciadores e as curiosidades de seis especies de árbores presentes no medio natural galego: o carballo, o salgueiro, o bidueiro, o castiñeiro, o loureiro e o freixo. É un contido dixital de gran calidade especialmente recomendado para toda a familia. 

O luns 14 poranse a disposición 52 episodios de Boom & Reds, unha serie para primeiros espectadores en que un simpático ogro morado, Boom, intenta investigar que están debuxando no chan os Reds, un grupo de animadas criaturas con cabeza de cogomelo.

O 16 de abril chegará a Xabarin.gal a serie Monster Allergy, cunha primeira tanda de 26 capítulos. Está protagonizada por Zick, un neno de 10 anos que nace cun superpoder e que pode descubrir os monstros do mundo grazas ás súas alerxias. 

E o Venres Santo estrearanse 10 novos capítulos de A patrulla canina, unha das ficcións de debuxos animados máis populares entre os máis pequenos da casa. Nela, seis canciños, Chase, Marshall, Zuma, Rubble, Skye e Rocky forman unha patrulla que dirixe Ryder, un neno que os rescatou e lles ensinou habilidades que agora empregan para solucionar problemas con moito enxeño. 

O seguinte venres, 25 de abril, a novidade será A tableta máxica, serie de animación da que se incorporarán os primeiros 13 capítulos. Ten como protagonista a Zeke, un debuxante que vive coa súa familia e ten unha tableta en que todo o que debuxa se volve realidade, pero normalmente con resultados desastrosos. 

Ademais, tamén están xa dipoñibles en Xabarin.gal 26 novos capítulos da icónica serie A abella Maia, protagonizada por unha abella que deixa a súa colmea para descubrir a beleza e os misterios da natureza. 

A maiores de todas estas estreas, todos os domingos se publicará na plataforma unha nova entrega do programa Queres un conto?, ao mesmo tempo que se emite na TDT.