




























A Televisión de Galicia conmemora catro décadas do seu nacemento lembrando os programas máis lendarios que emitiu neste tempo
25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Catro décadas de televisión dan para moito. A Televisión de Galicia lembra a través dunha canle na Agalega.gal os programas históricos que marcaron unha época e forman parte do imaxinario colectivo de varias xeracións de galegos. O repaso vai desde programas como Ruada, con Xosé Luís Blanco Campaña entrevistando a Leonor Benedetto, actriz protagonista da telenovela Simplemente María, que empezouse a emitir no ano 1985. Un programa no que mesturaba historias de aquí, con actuacións de música en directo e entrevistas a personaxes relevantes. Todo co seu inesquecible saúdo «Miñas donas, meus señores».
Con programas innovadores como O Mellor, presentado polo escritor Manolo Rivas, ou o formato no que debutaron Manuel Manquiña e Antonio Durán Morris, A ver que vai ser esto, no que sen vergonza e divertida repasaban a programación da canle.
Un histórico da TVG, que aínda segue en activo como Xosé Ramón Gayoso, debutaba en O veciño do xoves, un espazo no que recibía no seu apartamento a invitados de toda índole, sen faltar nunca as actuacións en vivo.
Neses primeiros anos os galegos puideron coñecer na súa lingua nai series de sona internacional como Magnum, P.I., con Tom Selleck, ou Dallas, da que saíu a mítica frase de «estás bébeda, Sue Ellen» que di o malvado XR. Logo chegarían A Nanny, Arriba e Abaixo ou George e Mildred, por nomear tan só algunhas.
Ficción galega
Pouco despois viría a eclosión da ficción galega, da man de Mareas Vivas, Pratos combinados, A vida por diante, ou Matalobos, nas que o audiovisual feito en Galicia demostrou como se podían contar as historias da terra e ser un éxito de audiencia. O que ocorría en Portozás, en Sardiñeira ou no bar de Miro Pereira mantiña en vilo á audiencia.
Dunha forma un tanto artesanal pero tamén arriscada, chegaron tamén espazos como Con Perdón, A Repanocha, Bravo polos amigos ou A casa de 1906, o primeiro reality galego.
Sen esquecer á xeración de cativos que medrou co Xabarín, cantando os éxitos dos Herdeiros da Crus ou os Diplomáticos de Monte Alto, vendo os experimentos de O mundo de Beakman, as pelexas de Son Goku nas Bólas máxicas, e As tartarugas Ninja ou Doraemon, o gato cósmico.