Xosé Ramón Gayoso: «Hai corenta anos na TVG eramos todos moi novos e faciamos unhas cousas de auténtica tolemia»
SOCIEDAD

O presentador conduciu o acto de inauguración da canle autonómica o 24 de xullo de 1985 e este venres 25 presentará a gala «Día G», que conmemora as súas catro décadas
24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A primeira cara que os espectadores viron na Televisión de Galicia na tarde do 24 de xullo de 1985 foi a de Dolores Bouzón anunciando o comezo das transmisións. A segunda foi a de Xosé Ramón Gayoso, que protagonizou a continuación o acto inaugural desde San Marcos. Catro décadas despois de aquel día, o veterano presentador será encargado de conducir, xunto con Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, a gala do 40.º aniversario, que se emite este venres 25 en prime time. Agora, igual que entón, considera «unha honra» estar en primeira liña.
—Que pensou naqueles primeiros instantes en que nacía a TVG en 1985?
—Un xoven de 29 anos non era moi consciente do que acontecía naquel entonces. Recordo que estaba nerviosísimo porque nunca afrontara nada parecido na miña vida. E ilusionadísimo, porque tiña a sensación de que ía entrar nun traballo que podía gustarme. O que sentía era iso, xuventude, ilusión, nervios... E todo saiu ben. Despois destes corenta anos, se miro para atrás doume conta de que a chegada da Televisión de Galicia abriu centos, milleiros de camiños para este país, porque coñecimos onde viviamos, as nosas xentes, os nosos lugares, a nosa arquitectura, as nosas tradicións, os nosos cantos e bailes, a nosa pintura, a nosa arquitectura... Toda canta expresión poida ter un pobo empezou a aparecer nas pantallas da televisión, despois da tímida aposta por parte de TVE no seu centro rexional. Desde dentro, sempre se pode dicir que as cousas poden facerse mellor, pero nos fixemos o que puidemos e seguimos aprendendo todos os días. Toda aquela xeración que empezamos hai corenta anos temos esa experiencia enriba, un público que quere moito a esta institución e unha nova xeración que ven moi preparada, tamén con moita ilusión, e que seguirá abrindo camiños por outros corenta anos.
—Conducir o acto de inauguración e a gala do 40.º aniversario é un fito pouco habitual.
—Asumo que, dentro desa anormalidade, son un pouco noticia polo feito de que un rostro estea corenta anos nunha pantalla. Para min é orgullo, ilusión e agradecemento por enriba de todo. É un motivo de inmensa alegría. Por moito que eu soñara hai 40 anos, nunca entrou no meu prantexamento chegar ata aquí. Empecei nunha profesión como esta sen ter datos de ningún tipo, nin preparación. Era tanta a ilusión que tiña que nin miraba o camiño. E agora, miras para atrás e ves que percorriches corenta anos e este vai ser para min un día de moitísima ilusión e agradecemento. Ese tópico de que ninguén é profeta na súa terra non se fixo realidade comigo, pero concibo este como un traballo de equipo. Os que saímos en pantalla creamos esa maxia de que pareza que o facemos todo nós, pero detrás hai un equipo enorme de profesionais.
—Revisando programas antigos vese que era un proxecto moi artesanal nos seus comezos.
—Si, claro. A tecnoloxía disparouse nos últimos anos de forma exponencial. A nivel tecnolóxico, de calidade de imaxe, de calidade dos platós, a nivel técnico evolucionouse moito máis nos dez últimos anos que nos trinta primeiros. Cando ves agora producións de hai 35 anos vese unha artesanía que se cubría cunha paixón e unha ilusión incribles. Ademais, á xente facíalle moita graza o que facíamos aqueles xoves. Eramos moi atrevidos, moi ignorantes, pero moi decididos. Era de pronto unha ventá de aire fresco no mundo da televisión nun momento en que a única comparación posible era con TVE,onde xa había un certo saber estar, un libro de estilo, un canon de como había que facer as cousas. Na Televisión de Galicia eramos todos moi novos e facíamos unhas cousas de auténtica tolemia. Era un aire fresco que chamaba a atención. Recordo con moito agrado aquel momento marabilloso.
—Cal é a meirande tolemia que lembra?
—Entrevistar vacas ou ser precursores, cando aínda non existían Crónicas marcianas, en facer un programa que dedicamos a toda esa xente diferente, distinta, que vivía á marxe de convencionalismos. Aquel programa que eu fixen, que se chamaba O Veciño dos Xoves, era unha especie de piso onde recibía a amigos, que eran artistas da canción, das letras, da arquitectura ou da vida social. Era unha televisión moi fresca. Non hai máis que recordar que Antón Reixa, con Sitio distinto, levaba unha vaca ao plató e regalaba un churrasco. Era tremendo.
—Para a ficción a TVG foi un gran impulso, abriu a porta ás series en galego que falaban das cousas de aquí.
—Quen ía facer unha serie como Mareas Vivas? Ía vir alguén de fóra a facela? Aínda que tecnicamente falando hoxe poidas ver que pasou o tempo, en canto a contido a serie segue sendo unha referencia, sobre todo polos personaxes. Iso foi a Televisión de Galicia, abrir moitos camiños, un deles o da ficción.

—¿Imaxinou que un programa como «Luar» se mantería tantos anos como o máis veterano da televisión en España?
—Igual que na ficción Mareas Vivas marca un comezo de algo que leva tanto país dentro, a Luar pásalle o mesmo. É un programa espectáculo que posiblemente non invente nada novo en canto a formato, pero os seus contidos, o feito de poñer a artistas como La Toya Jackson, Rocío Jurado ou Rafael no mesmo escenario que Ana Kiro, ou á señora Carmen de Cervantes, que ven a cantar unhas copras coa súa pandeireta, ao lado de Sergio Dalma. En definitiva, é un espectáculo con artistas, cantantes, humor, pero que sobre todo ten país. Un lugar onde as expresións musicais da nosa terra teñen unha presenza como calquera outra expresión de calquera lugar de España ou do mundo. Contou co beneplácito do público e aí leva 33 anos, convertido no programa máis lonxevo da televisión en España. Sempre se fai a comparativa con Saber y ganar, que leva cinco anos menos que nós, pero estamos felices da comparación porque eles son un gran referente. E nós somos máis humildes, porque estamos neste recuncho, pero moi orgullosos de manter un programa en antena no prime time ao longo de 33 anos e moi agradecidos a todo o público galego.
—Cales son os retos da TVG para encarar os próximos corenta anos?
—Seguir medrando como país, porque a televisión é unha tarefa de todos. Non deixa de ser un altofalante e un escaparate tecnolóxico privilexiado do que acontece. E para que un país medre, o alimento fundamental é o coñecemento da lingua, de todas as expresións culturais, de toda a implicación social que teña toda a xente da nosa terra. Amar profundamente a terra e a Televisión de Galicia seguirá sendo ese escaparate.