
A canle ofrece este xoves e venres unha programación conmemorativa do aniversario
24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Na tarde do 24 de xullo de 1985, tras unha conta atrás nun reloxio analóxico, a Televisión de Galicia empezou as súas emisións. Dende aquel momento o idioma galego pasou a ter unha televisión na que expresar unha lingua e unha cultura propias. Neste xoves de 2025, TVG compre corenta anos e vaino festexar cunha programación especial en torno ao Día de Galicia.
Onte, a canle celebrou as súas catro décadas de vida cunha gala especial que tivo lugar no Pazo de Congresos de Santiago e que reuniu a máis dun milleiro de convidados, entre representantes institucionais, do ámbito audiovisual e traballadores e extraballadores da corporación. Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar conduciron un programa especial, titulado Día G, de homenaxe á longa traxectoria da canle e que se poderá ver este venres, Día do Apóstolo, no horario nocturno de máxima audiencia.
Na gala condensarase o repaso á historia da Televisión de Galicia acompañado das actuacións de Luz Casal, Treixadura, Xil Ríos, Tanxugueiras, Heredeiros da Crus, Ortiga, D’Ninghures, Malvela ou G Face, entre outros.
Este xoves 24, a TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán en directo a entrega das Medallas de Galicia. E pola noite, un espectáculo que terá lugar no ceo da praia de Silgar, en Sanxenxo, ocupará o espazo Mirade arriba, presentado por David Espiño e Rocío Delgado. Trátase dunha coreografía aérea realizada por máis de 200 drons e acompañada dunha narración que renderá tributo ás catro décadas da canle autonómica. A noite culminará coa conexión en directo co tradicional espectáculo pirotécnico dos Fogos do Apóstolo.
Ademais, este xoves e venres emitiranse dúas longametraxes galegas: Amigos ata a morte, comedia dramática de Javier Veiga, e Salta!, unha proposta familiar de ciencia ficción dirixida por Olga Osorio e protagonizada por Marta Nieto e Tamar Novas.
Ademais, na plataforma Agalega.gal ofrécense estes días contidos relacionados co aniversario da TVG. Á estrea da serie documental O gran camiño, grandes rutas a pé do mundo, súmase a última entrega da sección Os programas da túa vida, que recopila algúns espazos máis destacados da década que vai do 2015 ao 2024. Nas entregas anteriores pódense repasar algúns dos títulos máis recordados das décadas anteriores.