O «Land Rober + show» conquista ao público galego

Mónica Pérez
M. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Roberto Vilar, durante un dos programas do «Land Rober +show» desta semana
Roberto Vilar, durante un dos programas do «Land Rober +show» desta semana .

O salto do programa de Roberto Vilar ás emisións de luns a xoves acada bos datos de audiencia na súa primeira semana

15 nov 2025 . Actualizado a las 10:04 h.

De todos os días nos que podía comezar o Land Rober + show o pasado luns, a coincidencia coa primeira visita de Rosalía a La revuelta e tamén a súa primeira entrevista na televisión despois da publicación do seu novo e comentado disco, non se pode dicir que fose a mellor. Con El Hormiguero ademais, contra programando co Andy, exmembro do dúo Andy y Lucas que están a protagonizar unha controvertida separación nos últimos meses.

Así, con este panorama saía Roberto Vilar a un plató que o recibía entre aplausos. Fronte a unha noite que se prometía dura, o cómico e presentador de Xove púxose a facer o que mellor sabe: conectar con ese público que o leva acompañando desde hai máis de quince anos no Land Rober.

Pese á competencia, o público arroupou a Vilar e o seu equipo en nunha noite moi competitiva, o Land Rober +show fíxose con 10 % da cuota de pantalla. Todo nunha noite na que La revuelta bateu con Rosalía o seu récord histórico de audiencia.

Agora o Land Rober +show mantén a esencia do espazo orixinal, aínda que sexa diario. Segue sendo o mesmo, pero cuns guiños á audiencia que o fan, se cabe, máis especial.

Seguen os sketchs, ese que segundo explicaba Vilar recentemente, son o único programa en España que continúa facéndoos. Unhas situacións que lles permiten facer esa comedia propia, chea de retranca e con momentos perfectamente recoñecibles para toda a xente que os ve desde a casa.

Volveron os mariscadores, os controis da Garda Civil e ata o emérito coas súas memorias en francés. Todo iso sen deixar de lado á música en directo, coa banda do Land Rober tocando unha versión dun tema de C Tangana en galego, ou con Pili Pampín ao piano interpretando a canción Procuro olvidarte.

A mesa da cociña

Pero quizais a novidade máis auténtica é esa mesa da cociña co hule de cadros azuis e brancos, co froiteiro e a cena posta co agarimo de quen o fai todos os días para os seus. O propio Roberto Vilar contaba no programa que pensaran en poñer esa mesa, na que moitos galegos están a cenar mentres se emite o Land Rober.

O seguimento do público o primeiro día xa daba boa conta de que a fidelidade da parroquia de Roberto Vilar, como lle chamaba ao público o inesquecible Piñeiro. E nas sucesiva noites os datos dos audímetros confirmaron esas boas sensacións que se intuían despois da estrea do luns. A noite do martes, cando Roberto Vilar contactou coa Panorama desde a República Dominicana, recibiu a visita de Maxi Iglesias e apareceu Xurxo Carreño coa lata máis cheirenta do mundo, quedou como o segundo máis visto en Galicia, cun 13,2 % e 110.000 telespectadores.

O mércores foi a quenda de Eddy Insua e a súa moza, sentados cunha parella que levaba 47 años casados, e co debut da colaboradora Ana Ageitos, a filla de Toñito de Poi. E os datos foron aínda mellores, co programa sendo líder absoluto en Galicia cun 14 % de share e 114.000 televidentes.

E o xoves, o derradeiro día, Roberto Vilar xuntou no plató a Pili Pampín e aos creadores de contido Pepe y Lucas. Houbo marxe para rir, para cantar e ata para aprender como se afina un piano. Nesa noite Land Rober acadou un 11,4 % e 93.000 espectadores, quedando por diante de El hormiguero (que tiña a Rajoy como invitado) e La revuelta.

Todo apunta que o Land Rober +show chegou para quedarse nese oco da grella, de luns a xoves entre as 21.45 e as 22.45 horas, para acompañar e entreter aos galegos.