
? Pen Clube movilizou onte, ao redor das mesas do Restaurante Alfredo de Mos, a preto de trinta persoas vencelladas á creación artística na área metropolitana de Vigo. Tratábase da terceira cita dos Xantares Literarios , unha iniciativa orientada a homenaxear a importancia que a gastronomía e a arte culinaria en xeral ten na literatura. «Raro é o autor galego que non teña expresado nalgunha obra aspectos relacionados coa mesa, non desde o punto de vista das receitas ou puramente gastronómicos, senon dun xeito literario», explica Luis González Tosar, poeta e presidente do Pen Clube. As xuntanzas literarias fanse en colaboración co grupo de restauradores Xantares e o patrocinio da Consellería de Cultura, e ten un carácter itinerante polos sete restaurantes membros do grupo Xantares. «Aínda que o esprito das xuntanzas é promover a fraternidade, reunir aos escritores e recuperar a concordia e o entendemento, tamén queremos que sirvan como promoción da literatura galega», engade Luis González Tosar. Atendendo a esta circunstancia, na xuntanza de onte anoite, foi repartido o libro Diario de comidas , de Xavier R. Baixeras, editado por Galaxia. Homenaxe Ademáis das razóns xa expostas, cada unha das reunións desta inicitiva conforma unha homenaxe a algún escritor vencellado dun xeito directo coa gastronomía. Onte o elexido foi o xornalista e escritor Jorge Víctor Sueiro, autor de Comer en Galicia , un libro publicado no ano 1981 e que contou co prólogo de Álvaro Cunqueiro, o mestre galego nesta materia. Cunqueiro foi o primeiro escritor obxecto de homenaxe polos Xantares Literarios na reunión desenvolvida no Restaurante Roberto de Vedra. Posteriormente, no Chef Rivera de Padrón, rendiuse un tributo conxunto a Rosalía de Castro e Camilio José Cela. A última cita terá lugar en Oleiros, e nela participaran os directores de varios xornais galegos e o concelleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela. O encontro de onte foi presentao por Luis González Tosar e contou coas intervencións de Miguel Vila Pernas, escritor e crítico gastronómico; José Rey Cabarcos, director de TV de Multipark, Canal Cocina; e dos escritores Xavier R. Baixeras e Xosé Luis Méndez Ferrín. Entre os convidados estaban Manuel Forcadela, Xosé María Álvarez Cáccamo, Bieito Ledo, e Carlos Lema. Desde a súa creación en Galicia no ano 1990, o Pen Clube promoveu actos literarios, defendeu, en distintos foros do mundo, a liberdade para as escritoras e escritores presos polas súas ideas e empregou todos os medios para difundir a situación de escritores e xornalistas perseguidos. En 1996, instituiu os premios Rosalía de Castro para galardoar unha traxectoria nas literaturas veciñas da nosa.