A Figa adiántase as vindeiras Letras Galegas para presentar a María Mariño

La Voz J. L. | VIGO

VIGO

María Xosé Queizán di que é unha figura senlleira na poesía galega pero mal estudada A revista «Festa da Palabra Silenciada» adica o seu número 21 á poetisa noiesa

15 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?eministas Independentes Galegas, a Figa, dedica o número 21 da súa revista Festa da Palabra Silenciada a María Mariño, á poetisa noiesa a quen a Real Academia Galega adicará o vindeiro ano o Día das Letras Galegas. Non é a primeira vez que dende a Figa abordan a figura desta escritora pouco estudada e menos coñecida. «En todos os eidos, a muller fixo, ao longo da historia, importantes aportacións que non sempre foron visibilizadas e por iso hai que facer traballos coma este», dixo Lucía Molares, responsable da Concellería da Muller, entidade patrocinadora da publicación. O revista está totalmente centrada nesta escritora rodeada polo silencio, e de quen María Xosé Queizán, directora da publicación, dixo que era unha figura senlleira na literatura galega. «A súa poesía é misteriosa e única, incluso universalmente; parece que torce a lingua, a súa sintaxe é transformadora, é necesario leela doutro xeito», explicou onte María Xosé Queizán. María Mariño neceu en Noia a comezos do século XX, viviu unha temporada no País Vasco e acabou os seus días na Serra do Courel. Neste lugar lugués coñece a Novoneyra, a figura a través de quen o resto do mundo terá noticias da súa poesía. En vida só publicou un libro e, tras a súa prematura morte, Novoneyra promove un segundo libro. «Sen estes dous libros non coñeceriámos a esta muller que escribía no mundo privado», sinalou a directora da revista. María Xosé Queizán asina a editorial que abre a revista. A biografía da escritora é resumida por Xerardo Agra Foxo, mentras que Carmen Blanco afonda na lingua poética de Mariño. A poetisa María do Cebreiro Rábade asina un artigo titulado Arpa de dúas cordas? Imaxinación e sentimento na poesía de María Mariño . Seguenlle a aportación de Marga do Val co poema Había que chegar , e Ana Romaní co artigo María Mariño. Terra de sin pisadas . O monográfico segue cun artigo de María Xesús Nogueira que analiza diversos aspectos da poesía de María Mariño. Pola súa banda, Paulino Vázquez Vázquez fai a súa aportación co artigo titulado María Mariño, espello no serán, e María Xesús Pato asina o artigo Verba que comeza: unha escrita xenésica . Terceira muller O Día das Letras Galegas só foi adicado a unha muller en dúas ocasións anteriores. A primeira vez, tamén a primeira edición do Día das Letras, foi en 1963 con Rosalía de Castro como protagonista. A segunda vez foi en 1987 que estivo adicado a poetisa Francisca Herrera, a primeira muller que entrou na Real Academia Galega. «Aínda que cada vez hai menos prexuízos cara a literatura das mulleres, o Día da Letras só foi adicado en tres ocasións a mulleres por iso é unha boa ocasión para estudar máis produndamente e difundir a poesía desta muller», explicou María Xosé Queizán. María Mariño morreu de leucemia o 19 de maio de 1967 en Parada, cando xa publicara o poemario Palabra no tempo e cando xa rematara os derradeiros versos de Verba que comenza , un libro que se publicaría en 1990 da man do tamén noiés e poeta Avilés de Taramancos.