A verdadeira festa das letras galegas viviuna Vigo o 5 de maio de 1963, data de inauguración da biblioteca da Fundación Penzol. Aquel domingo abriuse aos investigadores galegos un centro de referencia para o estudio de diversos aspectos da vida galega.
Fermín Fernández Penzol Lavandeira, galego da raia asturiana, era rexistrador da propiedade e un dos maiores bibliófilos de toda Galicia. «Era humilde porque non soñaba para si, senón para o país que amaba», di del Fernández del Riego.
Ao longo da súa vida foi reunindo unha importante biblioteca privada, na que había de todo: libros, folletos, revistas, manuscritos e documentos. Aconsellado por Ramón Piñeiro e co apoio de Antonio Fernández López (fundador de Pescanova), Fermín Penzol decidiu crear unha fundación e ubicala na cidade de Vigo. Francisco Fernández del Riego sinala no seu libro Camiño andado : «Decidiuse ubicala en Vigo porque era a única das principais cidades de Galicia que carecía dun centro de estudios e pescuda como o que se tentaba establecer».
Moitos libros
O lugar elixido foi o edificio Sanchón, na rúa de Policarpo Sanz. Antonio Fernández López e Xaime Isla Couto contribuíron economicamente ao aluguer do local. Outros moitos entusiastas vencellados á Editorial Galaxia aportaron o seu traballo na ordenación dos numerosos feixes de libros que foron chegando de diferentes puntos.
A primeira arquiveira-bibliotecaria da Fundación Penzol foi Olga Gallego. Todo situado no seu sitio, a biblioteca foi inaugurada o domingo 5 de maio. Ao acto acudiron numerosos intelectuais galeguistas e representantes de institucións, como o presidente da Real Academia Galega Sebastián Martínez Riego. O investigador brasileiro Rodrígues Lapa aproveitou a súa estancia en Vigo para dar unha conferencia.