«É unha vida moi perigosa a do gaiteiro, pasei por todas as adegas»

VIGO

O concelleiro de Cultura, que formou parte de dúas bandas e retomou en Vigo a súa afición, garda como tesouros dúas gaitas construídas por Antón Corral

19 abr 2010 . Actualizado a las 11:45 h.

A identificación do concelleiro de Cultura coa música tradicional galega non é unha pose, como sucede de cotío cos políticos que chegado o momento de ocupar un cargo, sofren de súpeto unha ósmose que os leva a falar sen medida de temas dos que parece que saben, aínda que todo o seu discurso non sexa máis que unha capiña de verniz.

Xesús López Carreira disfruta con moitos estilos musicais coma ouvinte, pero ademais, pode presumir, aínda que non o faga, de saber tocar o instrumento do país por antonomasia. O edil aprendeu a sacarlle o son á gaita cando era un adolescente.

Tiña 17 anos cando comezou a tocar, a principios dos 70, nunha agrupación cultural en Ourense. «Formamos un grupo que se chamaba Brandoeiro, e dedicabámonos a tocar polas festas de toda a provincia e do resto de Galicia». Posteriormente, xa preto dos vinte anos, reconverteron o grupo que, según recoñece, «máis que unha grande calidade musical o que tiña era unha grandísima calidade estética. Cambiamos a visión que se tiña do gaiteiro nese momento, de xente moi maior e fisicamente moi pouco coidados. Nós eramos xente noviña, daquela delgada, moi ben postos na vestimenta, todos de negro. Chamábanos moito a atención», lembra. Con aquela banda, Vieiros da Romaxe, Xesús recorda que fixeron cousas novidosas naquel tempo, como tocar en igrexas ou mesturar este instrumento con outros.

«Estivemos xuntos unha tempada, despois cada un de nós tirou para o seu lado, e moi de cando en vez facemos un encontro para recordar tempos e tocar algo», conta. Foi nese segundo grupo onde Xesús adquiriu a gaita que é para el o seu máximo tesouro. «É unha gaita de buxo, de madeira clara, feita polo mellor construtor de gaitas que hai en Galicia, Antón Corral», afirma. O concelleiro rememora o seu nacemento: «Merqueina no ano 75. Ten xa 35 anos e moita historia. A moitos gaiteiros, aínda hoxe cando a ven, chámalles a atención. É realmente un tesouro», afirma.

A de Lenny Kravitz

O ex gaiteiro sabe o que ten. «Cando falamos de construtores, un dos míticos era Carril, que non deixou ningún descendente nin lle ensinou a ninguén o oficio. E logo temos a Corral por un lado, e a Seivane, por outro. Hoxe hai outros construtores que traballan tamén con moita calidade, como Alfonso do Rosal, que por certo, é o que fixo a gaita coa que o Concello agasallou a Lenny Kravitz cando estivo en Vigo.

O concelleiro é autodidacta. «De música sei o elemental. Aprendín xunto aos compañeiros da primeira banda, como os gaiteiros de sempre, de oído. Así foi de sempre neste país. Hoxe, por sorte, deuse un salto. A música galega prestixiouse e estúdase nos conservatorios. Así saen os músicos de grandísma calidade que temos», afirma.

Xesús, ao que todo o mundo chama familiarmente pronunciando o seu nome co acento na letra e, ten dende hai pouco tempo un segundo tesouro. «É un agasallo que me fixeron, outra gaita, tamén de Corral. Xa está retirado. Constrúe xa moi pouco, pero tivo a ben facer esta, fabricada en granadillo, preciosa. Estou encantado coas dúas. Coidoas verdadeiramente con mimo», asegura.

Xesús, ou Xesus, nunca se plantexou dedicarse profesionalmente á gaita e aínda hoxe sae coa súa compañeira ao monte a tocar para non molestar aos veciños. «A intención era pasalo ben. Ir actuar era unha festa», admite. O contacto coa xente do rural era enorme e lembra que lle chamaba a atención a proximidade da xente. «Cando íamos de romería ou dar unha alborada pola mañá, en tódalas casas querían que entraras e en todas tiñan que convidarte. É unha vida perigosa a de gaiteiro, pasei por todas as adegas. Se non lles tomas algo parécelles mal», relata.

Mestre vocacional

Eran outros tempos e ninguén vivía daquela de interpretar folk. Ademais, a vocación do edil sempre foi o ensino. Diplomado en Maxisterio e hai pouco licenciado en Dereito por inquietude persoal, foi profesor en varias localidades ourensáns, en Vigo e na provincia de Pontevedra. O seu último destino antes de entrar no Concello da man do BNG, foi en Salceda de Caselas. como director do instituto Pedras Rubias. A súa praza no ensino pensa retornar cando deixe a xestión pública. O galego é a asignatura que máis lle gustar impartir.