«A Área Metropolitana de Vigo foi tinta tóxica no boletín oficial»

Carlos Punzón
CARLOS PUNZÓN VIGO / LA VOZ

VIGO

M. MORALEJO

Non cre que un pacto co PSOE na Xunta obrigue a facelo con Caballero

17 oct 2012 . Actualizado a las 07:07 h.

Catedrática de Instituto con moita antigüidade, máis aínda que na vida política, Carme Adán (San Sebastián, 1966) afronta as súas segundas eleccións autonómicas coa idea de impedir que siga gobernando Galicia o PP, pero tamén «para que Vigo deixe de estar maltratada pola Xunta, porque ningunha outra cidade está a sufrir a Feijoo como a nosa», afirma categoricamente.

-¿Se goberna o BNG non haberá nin un so recorte, en nada?

-Non haberá recortes no fundamental, en sanidade, en ensino e servizos sociais. Se replantexaremos as infraestruturas, porque o fundamental neste momento e manter o sistema público.

-¿Non será mais doado predicar que dar trigo?

-Non se pode enganar á cidadanía e logo dicir que se fai por imperativo legal. É necesario para Galiza un novo concerto económico e que pague máis que máis ten e apostar por un sistema financeiro propio con Novagalicia Banco, que xa ten un 93 % de diñeiro público. Esas son as nosas premisas para reactivar a economía e o sistema público.

-O BNG preséntase as eleccións cunha experiencia de goberno previa. ¿A aproveitou?

-Fixemos cousas moi importantes no ámbito da xestión, dos servizos sociais, da igualdade, o banco de terras, ou do concurso eólico que votou abaixo Feijoo por revanchismo. Gobernar ten erros, pero ese momento xa foi xulgado pola cidadanía e agora xúlgase a Feijoo.

-¿E que non volverían a facer?

-Son tempos distintos, agora temos que ser contestatarios coas políticas que coartan os nosos sistemas de produción. É o momento da rebeldía.

-De chegar ao Goberno tería que ser da man do PSOE, ¿obrigaría iso a replantexar a entrada do BNG no goberno de Vigo?

-Son cuestións distintas. Non queremos estar na Xunta por estar, senón para transformar Galiza e para non permitir que goberne o PP, e ese compromiso en Vigo o estamos a cumprir. O PP é lesivo para a cidadanía.

-Sería difícil de entender pacto nun sitio e noutro non.

-Primeiro temos que tombar a Feijoo, e para iso é necesario concentrar o voto da esquerda galega. Despois se abriría outro tempo político en Galiza.

-¿Non é a oposición do BNG en Vigo só de deixar facer?

-Non. Nos orzamentos se conseguiu modificar partidas para crear emprego e mellorar servizos públicos fronte á mera humanización de rúas, que non é prioritario para nós. Na cultura facemos críticas para que remate o deixamento actual, en todos os demais ámbitos igual.

-¿Pensa realmente que Vigo está peor tratada pola Xunta que outras cidades galegas?

-Sen lugar a dúbidas.

-¿Un coruñés ou un ourensano non pode sentir o mesmo?

-Vigo sempre saíu adiante por si mesma, con moi poucas axudas da Xunta e Madrid. Pero é que Feijoo prometeu aquí moitas cousas, e está a facer un hospital privado; non diminuíu as listas de espera; a Cidade da Xustiza é un expediente X; a depuradora comeza aínda agora, é un no parar.

-¿A Área Metropolitana en cambio parouse en Vigo?

-Fíxose para que Feijoo se fixera unha foto. A Área Metropolitana é tinta tóxica no boletín oficial porque non vai servir para a cidadanía e non elimina estruturas como a Deputación, que é inútil para Vigo.