O poeta moañés publicará a súa obra, «Monicreques», na colección «Arte de trobar»
05 nov 2012 . Actualizado a las 21:34 h.Doce mil euros e a publicación na colección «Arte de trobar» é o que ten gañado Xosé Daniel Costas Currás ao facerse co X Premio de Poesía Novacaixagalicia. O galardón foi entregado no pazo de San Roque de Vigo polo xerente de Novacaixagalicia. Pedro Otero Espinar estivo acompañado por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Luís González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia. O poemario «Monicreques» foi escollido entre 71 orixinais presentados, o cal supón un incremento substancial con respecto ao número de obras achegadas na convocatoria anterior.
O xurado encargado de valorar os escritos remitidos estivo composto por Enma Pedreira, poeta e gañadora da IX edición do Premio de Poesía; Ana Salgado, crítica literaria e directora da revista Protexta; Edelmiro Vázquez Naval, escritor; Antón Pulido, artista plástico; Luís González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, exercendo como presidente do xurado; e Xabier Castro Martínez, do Pen Clube de Galicia, exercendo como secretario.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, afirmou que «iniciativas coma este premio de poesía reforzan a difusión pública das novas voces poéticas, contribúen a incorporalas á axenda cultural galega e axudan a dar a coñecer que Galicia conta con grandes escritores e escritoras que están a facer propostas de excelente calidade».
Traxectoria
Xosé Daniel Costas Currás ten xa no seu haber galardóns coma a Mención de Honra no certame GZ Crea no 2008, por Revoluciona(me); o accésit TI Premio de Poesía Terras de Chamoso (Lugo), por Beizos de man de illa; o III Premio de Poesía Terras de Chamoso, por O delicado cheiro de Aumaxab Marma; os accésits nos premios de poesía da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo no 2009, por Le petit canteiro e Versos alineados á esquerda con espazos e silencios; o XXII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no 2009, por Conservas; o Premio da Universidade de Vigo no 2010, por Marés de xiz; ou o terceiro premio no XII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores no 2011.
En edicións anteriores foron recoñecidos con este premio poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro ou Xavier Rodríguez Baixeras.