«Sempre tiven a idea de que todos os checos eran músicos»

Olga Suárez Chamorro
olga suárez REDACCIÓN / LA VOZ

VIGO

o.s.

O cangués recrea a historia de Praga para miles de persoas que visitan cada ano unha das grandes capitais europeas

26 oct 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

A capital da República Checa reborda cultura e historia. Praga é unha das cidades máis turísticas de Europa (o pasado ano recibiu 11 millóns de visitantes). Cada xornada, ao mediodía, a Praza da Cidade Vella reúne centos de persoas de diferentes nacionalidades que buscan entre paraugas de cores a alguén que lles conte algo máis do pasado da cidade. Moisés Malvido traballa para a empresa Sandemans, a primeira que ofrece tours gratuítos polas cidades máis visitadas cidades máis visitadas de Europa, Oriente Medio e Estados Unidos. Coñece ben a cidade que lle acolle dende hai tres anos, cando decidiu facer as maletas, sen esquecer nin as praias da ría de Aldán, nin o seu Cangas natal..

-Como xorde a idea de vivir en Praga?

-Ao rematar a carreira de restaurador, tiven a oportunidade de facer prácticas en Praga a través dunha bolsa. O de quedarme foi un acto de sensatez debido á falta de saídas no ámbito da restauración no noso país, e sendo Chequia un país con tanto patrimonio histórico. O de ser guía chegou despois, pois compaxina moi ben coa miña formación.

-Foi difícil o proceso de aprendizaxe como guía?

-Non. Coñecer a historia da República Checa é mergullarse ata o fondo na historia mesma de Europa. Hai poucos países que teñan tanto para contar coma este, que dende o seu posto estratéxico no centro do continente, foi testemuña dos grandes acontecementos que o marcaron. Dende a chegada dos celtas ata a creación da república, Bohemia irradiou inspiración, e segue sendo terra de artistas. O mellor de ser guía é compartir esa historia, e aprender outras moitas que cada persoa trae dende o seu país.

-Que destaca dos checos que non se saiba no exterior.

-Sempre tiven a idea de que todos os checos eran músicos, a xulgar polos grandes nomes que cederon á Historia: Dvorak, Smetana, Mahler... Son xente culta e aberta, tranquila e práctica, cun carácter resolto que lles facilita moito a vida, e que os estranxeiros confundimos a miúdo coa frialdade. Grandes deportistas, inventores, cociñeiros e amantes da natureza. Gústame o seu xeito de gozar da vida.

-Diferenciase motio Sandemans doutras compañías de turismo?

-Sandemans foi unha das empresas pioneiras no concepto do Tour Gratis. Un tour que serve de carta de presentación ao guía sen compromiso por parte do cliente, e unha experiencia a través da cal o turista pode avaliar a calidade dos tours de pagamento que a empresa ofrece a continuación. A selección dos novos guías non é doada, e teñen que demostrar a súa valía para que o seu discurso sexa claro e ameno, sen faltar ó rigor histórico. Por iso os tours teñen tan boa acollida entre o público.

-Hai moitos españois vivindo en Chequia.

-Nestes últimos anos notouse bastante a chegada de españois, xente que vén estudar e outra que fica por un tempo a probar sorte. Tamén moitos turistas que, animados pola proximidade con outras capitais, elixen Praga como destino vacacional.

-Como xorde a idea de vivir en Praga?

-O labor como guía é tan importante coma o dun mestre, nese breve instante que dura un tour. Lembrando a Historia extraemos do pasado as conclusións que nos axudan a mellorar o presente, aprendemos valores e comprendemos mellor a nosa sociedade. Intento que o tour non sexa unha mera experiencia contemplativa, senón tamén educativa. Creo que a xente que participa aprecia esa diferencia.

-Ser guía ocupa todo o seu tempo ou compaxina este traballo coa restauración?

­-Depende da tempada. No inverno os guías non temos tanto traballo e aproveito para colaborar con profesionais do ámbito das artes e, sobre todo, para seguir formándome.

-É un traballo coa xente, gardará moitas anécdotas...

-Nunha ocasión quedei quedei encerrado dentro dunha igrexa con trinta persoas e, como en todo traballo hai imprevistos, fun buscar ao responsable das chaves. Mentres, algúns dos meus turistas sentaron a rezar. Foi un tour divino.

moisés malvido guía turístico