«O libro é unha reivindicación do interior de Galicia»

La Voz

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

O escritor e xornalista vigués e monfortino presenta hoxe o seu novo libro «Todo ser humano é un río»

27 oct 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

Manuel Veiga presenta ás 20.00 horas en Librouro (Eduardo Iglesias, 12) o seu novo libro Todo ser humano é un río (Xerais). No acto estará acompañado polo escritor Antonio García Teijeiro e polo director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.

-¿Neste libro fala de vostede?

-Mais que falar de min, fala a través de min. É unha reivindicación do interior de Galicia porque os que nacemos no interior acabamos vindo todos para a costa e aquelo queda un pouco abandonado. Este libro é un pouco a recuperación, en certo sentido, do interior de Galicia.

-¿É unha recuperación a través da súa memoria?

-E da miña experiencia. Por exemplo, narro recorridos polo monte buscando un castelo. En Galicia hai moitos lugares que se chaman o castelo e na inmensa maioría hoxe xa non quedan restos. Eu son moi do centro da cidade, pero a través dun grupo de amigos e a miña compañeira vivimos unha experiencia moi interesante na serra do Laboreiro. Empezamos buscando un castelo e finalmente encontramos as ruínas. Acabei descubrindo, e supoño que tamén o percibirán os lectores, que o monte, que en principio parecía baleiro, descobres unha morea de cousas, que houbo unha vida intensa con moita historia.

-¿Como o conta?

-En parte eu falaría de xornalismo poético; creo que hai unha especie de crónica e de darlle un fondo que o faga un pouco atractivo. A literatura non deixa de tratar mitos, e os escritores tratamos de crear mitos.

-¿Hai nostalxia no relato?

-A nostalxia é un sentimento que non me gusta, ademais paréceme inútil. O que si paréceme útil é o coñecemento. Como cando descobres que un lugar que parecía baleiro ao final está cheo de cousas, fesa oi unha gran experiencia.

-¿O título ten que ver cun percorrido ou cun cambio?

-Son as dúas cousas, porque todo percorrido cambia ás persoas. A maiores deso, hai outra parte que a min espertoume a curiosidade. Cando se fala nas novelas das historias familiares parece que son sempre referidas a persoas que viviron sempre fóra. Eu, entón, pregunteime se na miña familia pasara algo interesante. E fixen esa indagación.

-¿Ten algo de libro de viaxes?

-Si, en parte ten unha compoñente de libro de viaxe. Hai moitos materiais nel porque hai dende o que serían pequenos relatos, como o medo que lle tiñan os campesiños aos cans rabiosos; ou cando no campo de fútbol dun grupo escolar, un día de nevada, aterrou un helicóptero do exército americano. Son cousas que ocorren cando indagas na vida. Tamén falo de Manuel María e Lois Pereiro, aos que coñecín moito e son de Monforte. Representan os dous estremos do estilo poético, un máis convencional e outro máis vangardista. Eu toco non só as diferenzas entre eles, senón tamén os parecidos.

-¿Como o tomaron as persoas que saen no libro?

-Esa é unha das particularidades do libro, os personaxe son practicamente todos persoas reais. De feito, algúns asistirán a presentación do libro. A xente gústalle moito saír nun libro, aínda que non todo o mundo sirve para contar historias; hai xente que sen ter nada que ver coa literatura saben contar e son grandes observadores da realidade, e o que che contan é moi interesante.