Roberto Mera: «A Transición non saldou contas co pasado»

Carlos Punzón
Carlos Punzón PONTEAREAS

VIGO

Oscar Vázquez

O politicólogo e concelleiro mantén que «os exquisitos do nacionalismo» desmobilizaron o voto ao BNG cando tocou poder na Xunta

21 ene 2022 . Actualizado a las 21:45 h.

É difícil que pase máis de vinte segundos na mesma posición na cadeira na que se senta para o retrato. Roberto Mera (Ponteareas, 1971) é a inquietude personificada. Trata de domala física e mentalmente. «Agora coido todas as plantas do meu xardín», corpo e espírito, que trata non sexan tragados polo remuíño da política, que xa o deixou na súa primeira etapa case sen aire. Agora mantén a entrega a raia, ata con sesións sagradas de piano e piscina. «Descubrín outro tipo de vida. Respecto os biorritmos, descanso», di coma quen da coa fórmula máxica. Contrapón a súa vida actual co maremoto e o custo que lle supuxeron anos de intensa oposición municipal en Ponteareas e rematar dirixindo a campaña das autonómicas do 2009, as únicas que o BNG afrontou desde o poder da Xunta.

Dese monocultivo da política mudou para un xardín variado. É tenente de alcalde, concelleiro de seis áreas, politicólogo, avogado, acordeonista do grupo Ronco & Fol, activista na súa parroquia de Arcos e investigador da historia que construíu un dos seus tíos bisavós e a que acaba de darlle forma de libro: Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, en Ediciones Belagua. A historia do seu parente, ao que no propio libro se lle dá o alcume do Schindler galego, completouna tirando do fío, unha práctica constante na súa construción persoal. Por exemplo, ir ver o Celta a Balaídos levaríalle, polo mesmo tirar do fío, á política e ao nacionalismo.

Antes, engadir que Mera tivo unha infancia e primeira xuventude de cambios continuos que lle deixaron unha pegada crucial. «De educación infantil a COU estiven en dez centros educativos», di. Ponteareas, Cambados, O Porriño, Vigo e Santiago xa na carreira, deixan un rastro de vinte e tres mudanzas e ser sempre o novo na clase por unha vida na que os traslados do seu pai no Banco Pastor trazaban o norte, singradura que perdeu definición coa morte da súa nai nun accidente de tráfico, do que xusto hoxe se cumpre o seu 37 cabodano.

Cando fala evidencia que marcoulle moito combinar a vida nas vilas polas que pasou coa relación coa natureza do campo a transmisión oral que lle ía legando o seu avó, que plantaría nel a semente de Alejandro Viana que acabaría agromando.

Outro cultivo decisivo sería o fútbol. «Levábame a Balaídos Terio Carrera [xornalista ponteareán da TVG], que era o meu adestrador de futbito. Levoume a tribuna, pero vin a movida de río baixo e troquei rápido de grada. Estar alí con tanta xente nunha mesma causa, unidos polo mesmo obxectivo, impactoume. Con 13 ou 14 anos entrou en Xuventudes Celestes e tratou de exportar a mesma paixón a Ponteareas con Forza Xuve! Só o galáctico Cambados de Sito Miñanco frustrou o ascenso a Terceira. As relacións na grada o conduciron a Adega, A Mesa pola Normalización Lingüística, ao movemento pola insubmisión e ao final, ao Bloque. Volveu trasladar a Ponteareas parte das súas vivencias e en 1990 fundou Adenco, a organización ecoloxista que se converteu en azoute do sempiterno alcalde Pepe Castro. «A Policía Local arrincaba as nosas pancartas, o que nos reforzaba na defensa dos dereitos básicos contra os modos e actitudes do goberno de Castro. Non saía nada noso na TV municipal. Só tiñan espazo para ‘las cosas buenas del vivir'». Ese tempo labrou un perfil de Roberto Mera de activista e político duro, non pasaba unha, vivía a lombos da parte épica da política. «Agora lévome moi ben con Castro», sorprende tendo sido el quen promoveu a inhabilitación do rexedor. «Puido comprobar que son unha persoa de principios», resolve tras contar un episodio da política local.

Mera transmite liberdade persoal ao falar. Non ten reparo en dicir que xa non é militante do BNG, ou que a experiencia de goberno do nacionalismo na Xunta tivo tanta oposición interna no Bloque como externa. Fala dos «gardiáns das esencias», dos que atizaban desde o interior da formación co «Galicia non se vende» cando Anxo Quintana bailaba cos vellos ou foi retratado no iate dun empresario da construción. «Os exquisitos», chámalles, aos que chegaron a pór ao BNG en perigo de desaparecer ao desmobilizar o voto. Relata e analiza, sen reproches.

Outra cousa é cando fala da memoria histórica. O seu empeño persoal, o rastrexo de infinidade de arquivos, bibliotecas, fondos de todo tipo, permitiulle rescatar ao seu tío bisavó, «pero hai tantas historias por recuperar. En España a Transición estableceu unha falsa restauración da memoria. É unha anomalía que 45 anos despois as reivindicacións de coñecemento, do que ocorreu, segan a xerar polémica. A Transición non saldou contas co pasado», mantén Roberto Mera, que advirte que coñecer é facer xustiza. «Gustaríame que Viana soubese que despois de 70 anos se recuperou a súa historia. Estaría contento», quere pensar.

 

Nos seus carnés, no DNI, o da nai, avó... figuraba Cuevas como apelido. Pero na parroquia, a familia era coñecida como Covas. Nos 90 buscou nos rexistros da Igrexa e descubriu que a acepción galega era a boa e esixiu o cambio legal.
Nos seus carnés, no DNI, o da nai, avó... figuraba Cuevas como apelido. Pero na parroquia, a familia era coñecida como Covas. Nos 90 buscou nos rexistros da Igrexa e descubriu que a acepción galega era a boa e esixiu o cambio legal. Álbum familiar

EN DETALLE

- Primeiro traballo

- A explotación dunha horta ecolóxica durante 5 ou 7 anos, que compatibilicei coa oposición municipal. Vendía a produción incluso en Vigo.

- Causa á que se entregaría

- Aos refuxiados do Sáhara. Estiven dúas veces nos campamentos. É unha causa das máis dignas, loitar por xente que leva 50 anos podrecendo no deserto.