Recoñecemento unánime do intelectual galego en Nigrán no vixésimo aniversario da súa morte
09 mar 2022 . Actualizado a las 19:25 h.Carlos Casares foi lembrado este mércores, no vixésimo aniversario da súa morte, co recoñecemento unánime dos seus amigos. Os seus fillos, Häkan e Cristian Casares Berg, acompañados polos irmáns do seu pai, Xabier e Mercedes, e arroupados por amigos como Víctor Freixanes, Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez, César Cunqueiro ou Valentín García, fixeron unha ofrenda floral no cemiterio de Nigrán, concello onde viviu durante máis de vinte anos coa súa muller, Kristina Berg, e os seus dous fillos.
O primoxénito dun dos personaxes máis queridos da cultura galega foi o encargado de abrir o acto cunha sinxela lembranza do seu pai coa que, sen querer, demostrou tamén atesourar a súa extraordinaria facilidade de contar historias. «Aquel 9 de marzo de hai vinte anos foi un día moi tráxico, pero este é un día de moita alegría, aínda que poida resultar difícil entender como son estes sentimentos», manifestou o fillo de Carlos Casares e de Kristina Berg (a súa viúva, que finou en Vigo hai dez anos), que resumiu o legado do seu pai nunha vida.
«De meu pai herdei un legado cultural que aprendín vivindo e falando con el. A miña bagaxe cultural non está tanto relacionada coa lectura e cos estudos como con ter compartido vida con el», subliñou. «Pero seguramente, o máis valioso -defendeu o fillo maior do intelectual galego- é o recordo de todos os seus amigos». «Practicamente todo o que me pasou despois da súa morte sería imposible sen o agarimo dos seus amigos, que fostes quen de soportar a súa figura e promover o seu recordo dunha maneira incansable. Que vinte anos despois a memoria non esmoreza é unha alegría», concluíu.

Non estaban todos, pero moitos dos que puideron achegarse a Nigrán deron voz tamén a outros ilustres amigos que, como naquel triste 9 de marzo do ano 2002 no que Galicia perdeu a un dos seus principais valedores, acompañaron á familia.
«Cantos anos lle pode levar a Galicia fabricar un home como Casares?», lembrou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que lle preguntou non enterro o tamén académico Xesús Ferro. «Aínda teño petada no peito a chamada de teléfono anunciando a súa morte, é algo inesquecible para min, pero Carlos segue vivo no noso corazón, na nosa lembranza, nos seus libros e nos nosos proxectos», referiu precisamente o seu amigo persoal Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, ao igual que Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, quen destacou a conmoción que supuxo para Galicia enteira o seu pasamento inesperado.
«Aquí exerzo de voceiro de toda a veciñanza e, sen dúbida, podo dicir que para todo o municipio é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e ver crecer os fillos, as ilusións, os libros e os proxectos», sinalou o rexedor, Juan González, quen avanzou un ano cheo de programación dedicada a este ilustre amigo das palabras, que incluirá roteiros, teatro ou exposicións. Carlos Núñez, que xa tocara no seu enterro, interpretou dúas cantigas de Martín Códax.