Perucho, padexeiro eterno

x.r.c VIGO

VIGO

CEDIDA

Campión olímpico no 2008 e supervivente dunha xeración única, as ganas, non deixar de adestrar e baixar oito quilos devolven ao cangués, de 43 anos, a un Mundial

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sempre tiven ganas de demostrar que a idade é un número». A frase leva a sinatura de quen gañou a súa primeira medalla internacional en piragüismo no ano 2003 en Atlanta, cando a inmensa maioría dos seus rivais actuais aínda non naceran. Porque Carlos Pérez Rial, Perucho, aos seus 43 anos, campión olímpico no 2008 no K2 500 metros con Saúl Craviotto de compañeiro, xa xubilou aos da súa xeración, a mesma que a de David Cal, e agora vai pola primeira do ano 2000. Logo de gañar o selectivo nacional no K2 500 metros formando tándem co tomiñés Roi Rodríguez, soña cunha praza entre os cinco primeiros no Mundial de Canadá do vindeiro mes de agosto, e con sacar billete para os Xogos Olímpicos de París 2024, que o collerían con 45 anos. «Xa o miraba mais lonxe do que o vexo agora», afirma con ilusión.

Perucho está feito un mozo. Adelgazou oito quilos e volveu aos niveis de rendemento que tiña na súa última comparecencia olímpica, no ano 2008. O segredo é sinxelo: nunca deixou de facer deporte, coidou a súa preparación e mantivo as súas rutinas alimentarias. Ademais, topou todas as facilidades necesarias para facer deporte de elite a nivel laboral. Policía de profesión en Avilés, conta co apoio da Agrupación Deportiva da Policía Nacional, que le lle permite traballar polas tardes (patrulla nas rúas) e adestrar polas mañás co resto do equipo nacional. E durme a sesta, algo que antes era imposible, o que redundaba negativamente na súa recuperación tras o traballo físico. Lonxe dos grandes torneos dende o 2013, considera que tamén lle veu ben estar fóra da presión da alta competitiva para que a cabeza lle descansase un pouco. «Tamén me veu ben para a cabeza, porque levar tantos anos na alta competición desgasta», precisa.

Non obstante, o máis importante para seguir en activo a estes niveis superada a corentena son as ganas. «É que me gusta moito o piragüismo, e nunca perdín a esperanza», comenta Perucho ao ser interrogado polo segredo da súa lonxevidade. Carlos recoñece que o ano pasado dedicouse máis ao surf ski, pero o que verdadeiramente quería o galego era volver subirse a un barco de equipo para demostrar que a idade non supón un obstáculo. Por iso este ano arrincou con forza, comezou a adestrar co equipo nacional en Trasona «e vía que estaba aí con eles», algo que demostrou no selectivo ao quedar quinto no K1.

Ese foi o punto de inflexión. «Foi cando o adestrador dixo que iamos probar con Roi, porque el non ía ben cos do outro K4, e entón probamos unha semana antes do selectivo e fomos ben, quedamos terceiros case sen adestrar, e agora xa pulimos uns detalles e o resultado foi espectacular». Aquilo foi o arranque dun K2 que rematou por derrotar a Garrote e Toro no selectivo para o Mundial contra todo prognóstico, sacando billete para unha gran competición nove anos despois.

Para entón, Carlos Pérez xa notaba os beneficios de adestrar cos mellores en horario matinal. Porque antes, en solitario, facía a mesma pauta de adestramentos que agora lle marca o seu preparador, pero non era o mesmo. «Se tes que adestrar só en vez de levar un ritmo de 15 por hora, igual ía a 14, non te espremes tanto como cando vas con outro ao lado, que te picas», apunta a modo de exemplo.

Os datos de rendemento confirman o momento físico espectacular que vive este cangués nado en 1979. «O outro día fixen 1 minuto e 39 segundos en K1 500, que facía moitos anos que non o conseguía», desvela fachendoso. O principal hándicap con respecto aos seus anos mozos é a recuperación entre serie e serie. «A min o que máis me custa non é a velocidade, é a recuperación, porque cantos máis anos, máis custa recuperar. Agora síntome moi ben, había séculos que non estaba así», di entre risas.

A alimentación é outra pata do segredo da eterna mocidade do cangués. «Non acostumo a comer mal, estou afeito sempre ao mesmo e xa teño esa rutina, pero é verdade que ás veces tomaba algunha cervexa máis para desconectar, e agora non». O resultado son oito quilos menos. «Estou no mesmo peso que cando fun á Olimpiada, no 2008», precisa. O seu tope foron os 93 quilos, pero agora xa está nos 85 dun xeito estable. En canto ao ximnasio, non cambiou ningunha das súas rutinas. Topar con Roi Rodríguez, ata fai pouco plusmarquista mundial do K1 500 metros, foi outra bendición para o cangués. «Non hai mellor compañeiro ca el», sentencia.

Todos estes factores permítenlle enfrontarse a unha xeración de padexeiros que nin naceran cando él xa gañaba medallas. «Da miña xeración non queda ninguén, na última Copa do Mundo era o mais vello». E tamén o máis sabio.

«Loitar ata o último alento» para estar nos Xogos de París

A axenda de Perucho xa está chea de citas deportivas. Principiando polo Mundial de Canadá, que se disputa do 3 ao 7 de agosto na localidade de Dartmouth. Logo, xa chegará a carreira para París.

En América do Norte, o cangués voltará ser o máis veterano da competición, pero iso non lle impide pensar en grande: «O K2 500 volve ser olímpico, e iso significa que hai un salto de calidade importante, porque hai moito nivel, como se viu nas copas do mundo, pero estamos traballando ben, estamos mellorando tempos, e imos a por todo. Non podemos conformarnos con calquera cousa, senón que debemos ir con mentalidade gañadora». Algo que se traduciría en quedar entre os cinco primeiros no final ou en calquera outro posto volvendo á casa coa sensación de baleirarse ata o final. «Estar nos cinco primeiros sería incrible, pero imos ver. Quero acabar contento, quede décimo ou primeiro, quero facelo coa sensación de que o dei todo e non tiña máis».

O Mundial de Canadá será o preludio dun 2023 onde xa chegará o clasificatorio para París. Para entón, o primeiro que quere conseguir Carlos Pérez é que a Agrupación Deportiva da Policía Nacional lle permita manter o mesmo horario que este ano para logo dalo todo na auga. «Vou loitar ata o último alento, porque é un tren que xa era complicado antes, imaxina agora». O primeiro será clasificar o barco e, logo, loitar na distancia máis cara do piragüismo español con auténticos miuras, como o tamén cangués Rodrigo Germade e Marcus Cooper, que poderían intentar dobrar o K4 e o K2. Pero Perucho non descarta nada, ser olímpico en piragüismo aos 45 anos sen deixar nunca a práctica deportiva é algo que só está ao seu alcance. Ao do padexeiro eterno.