
O padroado da fundación recoñece por unanimidade a traxectoria do catedrático emérito e ensaísta de Vigo
01 dic 2022 . Actualizado a las 17:23 h.O Premio Laxeiro 2023 recae en Xesús Alonso Montero. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo o anuncio esta mañán. O catedrático emérito de Literatura Galega, membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, da que foi presidente entre 2013 e 2017, ve recoñecida con este galardón a súa traxectoria. Os integrantes de Fundación Laxeiro, que tomaron a decisión por unanimidade, valoran a Montero como «un dos ensaístas máis importantes e notables de Galicia das últimas décadas». Engaden que «a cultura e desenvolvemento cultural de Galicia na segunda metade do século XX e no primeiro cuarto do século XXI están exemplificados en Xesús Alonso Montero». A entrega do galardón ao intelectual, que ten 94 anos, será o vindeiro 23 de febreiro.
O padroado da Fundación Laxeiro fixo hoxe balance da súa actividade no 2022, ano no que se desenvolveron dúas exposicións dedicadas ao pintor de Lalín que lle dá nome, Descoñecido 1 e Descoñecido 2. O 15 de decembro, amais, está prevista a inauguración dunha nova mostra titulada Un poema para Laxeiro.