Gabriela Legaspi: «Preocupa ver que hai nenos adoptados que sofren racismo no cole e non o din»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

CAPOTILLO

Dirixe Manaia Moza para apoiar a outros rapaces acollidos no paso da nenez á vida adulta: «Na adolescencia veñen preguntas, veste diferente porque tes a pel doutra cor»

05 nov 2023 . Actualizado a las 01:00 h.

«Aquí tamén hai racismo». Quen o di é galega, de patria, sentimento e lingua, pero Gabriela Legaspi (Cusco, 1996) sufriu a desigualdade en primeira persoa por ter nacido nun país que lle deu unha apariencia racial distinta á maioritaria no seu entorno. Esta muller conta que foi unha desigualdade sutil, que non ía acompañada de insultos, senón de matices casi indetectables, por iso, a propia afectada tardou anos en identificalo. «De nena, sentíame integrada, pero realmente estaba soa, había cousas nas que quedaba claro que era diferente. De moza, nas relacións, eu notaba que non era o que moitos esperaban dunha muller latina. Ese tipo de racismo, de se tiña que ser de determinada forma no comportamento ou nas relacións, si que o sufrín».

Legaspi naceu no Perú e chegou a Galicia con dous anos e medio. Criouse en Gondomar coa súa familia, onde foi unha rapaza feliz, querida, e sempre consciente da súa orixe. A día de hoxe, suma 27 outonos e aspira a especializarse en integración social para poñer os seus coñecementos onde xa ten a súa vocación. Dirixe Manaia Moza, unha sección dentro do colectivo Manaia, a asociación galega de adopción e acollemento, na que pon ao servizo doutros mozos a súa experiencia. Os colectivos sociais céntranse, dende hai anos, en axudar ás familias, pero esta moza está abrindo un novo horizonte, dar voz aos fillos de entre 14 e 30 anos.

Ter a condición de adoptado pode engadir máis complexidade a momentos vitais como o paso á idade adulta. No caso de Gabriela, ela foi unha nena modélica, pero unha adolescente complicada. Os resultados académicos non eran bos, e iso complicou a relación cos seus pais e o seu entorno. Conseguiu superalo con axuda profesional, pero asegura que ese apoio se bota en falta no sistema actual de adopción e acollida. «No meu caso creo que ser adoptada tivo que ver con ese bache. Tes certas dúbidas sobre quen es, te plantexas si a túa familia é realmente a túa familia. Nese momento pensas que ese malestar non ten que ver con iso, pero hai partes que si».

Este é o punto de partida de Manaia Moza, un grupo que se reúne alo menos unha vez ao mes e onde hai unha única condición, ser fillo de familia adoptiva ou de acollida. So hai unha norma, que non haxa pais. A partires de aí, liberdade absoluta. «É un grupo de apoio, organizámonos, falamos do que nos apetece e do que non queremos contarlles a outros amigos ou familia. A idea é estar xuntos e aceptados, sen sentirnos cousificados, ou atoparte mal si non encaixas».

Moitos dos nenos adoptados teñen unha aparencia física diferente ó estándar predominante. A pesares de que están inmersos na cultura e sociedade, certos ambientes e momentos favorecen que se convertan en vítimas da desigualdade. A adolescencia é unha fase especialmente delicada. «Nesa etapa veñen preguntas, pensas que es diferente porque tes a pel doutra cor. Escoitando a outros, daste conta de que moitos dos que vivimos procesos de adopción experimentamos cousas moi similares, eu iso non sabía que existía. Descubrín que somos máis adoptados dos que pensaba, aínda que a min a palabra adoptado non me gusta, porque se converte nunha etiqueta, cando é soamente a condición coa que chegamos».

Legaspi asegura que ela non sufriu acoso escolar polo seu aspecto, pero moitos outros, si. «Preocupa ver que hai chavales que sofren racismo nos colexios e non saben exteriorizalo. Os pais teñen que saber traballalo previamente, para que os rapaces teñan ferramentas para afrontalo si se dá o caso». As redes sociais facilitan a agresión verbal anónima dende detrás dunha pantalla, e con ese caldo de cultivo, ter un rasgo distinto pode ser unha condena. «Entre os mozos, o insulto racial é moi frecuente, pero tamén no ámbito familiar. Ás veces, nalgunhas familias hai comentarios que o neno non comprende, pero se dá conta de que se lle está marcando como diferente», explica. 

Nai e filla serven de espello

Aínda que a relación cos seus pais pasou por malos momentos, a día de hoxe as feridas están curadas grazas á intervención dunha terapeuta especializada en procesos de adopción. Nai e filla protagonizan en Manaia parladoiros dirixidos a familias con nenos en adopción, acollida ou ‘en proceso de'. «Falamos, nos preguntan e, ás veces, damos opinións que son diferentes unha doutra, pero creo que ter a nai e filla dando as dúas experiencias é importante. Legaspi asegura que non so é ir a especialistas ou psicólogos, hai que ver a realidade das familias». Afirma que unha das claves é que os entornos sexan moi transparentes cos nenos, que os escoiten, que non escondan, que se formen e que se preparen para os retos que veñen por diante durante a crianza, teña a familia o formato que sexa.

A súa canción favorita

«Me quedo contigo», versión de Manu Chao. «Sempre foi un cantante que me gustou. Escollín esta canción porque a melodía ten moita forza, empeza lento e logo vólvese intensa, podes bailar e desfogar. Culturalmente eu non me sinto dun lado ou outro, síntome en xeral de todos lados e de ningún».