Antón Reixa: «Queremos volver á experimentación das nosas primeiras cancións»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

M.Moralejo

Os Resentidos darán o martes en Vigo o seu único concerto deste ano

30 nov 2023 . Actualizado a las 21:42 h.

«Estamos nun momento doce porque estamos tocando por gusto, porque sorprendernos a nós mesmos», di Antón Reixa para referirse a Os Resentidos. A mítica banda tocará o martes 5 de decembro no Sinattra Club de Vigo. As entradas pódense mercar en teuticket.com a 19,80 euros.

—Por que só un concerto?

—Este ano decidimos non facer concertos para ver se éramos capaces de recuperar aquel aire de experimentación que tiveron as nosas primeiras cancións. Cando empezamos, fomos un pouco ao revés que o resto dos grupos. A maioría empezou con batería e baixo e, máis adiante, pasáronse aos secuenciadores e caixas de ritmo. Nós, en cambio, foi ó revés. Agora, o que estamos probando é unha selección do noso repertorio de sempre, pero coma se fose nos nosos principios, coa vantaxe de que a tecnoloxía de hoxe é moito mellor ca de 1982.

—Como quedaron os cambios?

—Iso é o que imos comprobar no concerto. Se sae mal poden pasar moitas cousas malas.

—Podería ser o derradeiro concerto de Os Resentidos?

—Pois, ao mellor, si. De todas formas, tampouco imos lle dar ningunha liturxia. A música non admite liturxias de agora empezo e acabo; é difícil que deixes de ser músico, e moito menos como para poñerlle calendarios.

—Hai intención de gravar?

—Si. Se funciona seguiriamos por ese camiño, facendo cancións novas e buscando colaboradores.

—Supuxo un cambio de músicos?

—Fixemos algúns cambios. Estaremos, como únicos resentidos fundadores, Javier Soto e máis eu; nas programacións acompáñanos Anxo Graña; e hai unha nova incorporación, que encaixou moi ben, que é Andrés Cunha, para meter o baixo en directo.

—Que repertorio farán?

—Hai de todos os nosos discos e algunhas cousas que hai moito tempo que non tocamos, pero buscando o sabor daquela experimentación. Creo que iso foi o que nos fixo ter certa difusión. Cando se fala de experimentación parece que se fala de excentricidade, pero non, no noso caso refírese ao un proceso colectivo.

—Ademais ven de publicar un libro de poemas.

—Si, chámase 2ª man (Chan da Pólvora). A poesía e onde me sinto máis a gusto e no que me gustaría que se me recordara. É nese ámbito onde se pode detectar unha evolución constante.

—O poema que da título ao libro parece un manifesto do que é a poesía para vostede.

—Cando empecei co grupo Rompente, reprochábanos que non provocábamos, que todo estaba feito. É era verdade porque na literatura todo está escrito, e os escritores de agora non serían sen toda a literatura. Así que eu recoñezo que todos os escritores somos de segunda man porque empregamos palabras que xa lemos en outros sitios.

—E tamén bota man da performance, aínda que é nun libro.

—Si, a fixen en directo algunhas veces. É un revival dun feito real que aconteceu durante o funeral de Mandela. Colouse un psicópata que se fixo pasar por interprete de lingua de signos. Non tiña nin idea daquelo e ademais estivera no cárcere por asasinato. Os seus movementos traduciunos alguén, anos despois, é claro saían barbaridades. Vou eu a como a realidade ofrece sorpresas que se cadra é onde máis debemos furar porque esa realidade permite manipulacións.

—Un poeta é un creador ou un transformador da realidade?

—A observación permíteche crear novas cousas. A realidade é o mellor camiño para escribir.

—Percibo certo aire pesimista nalgúns momentos deste libro.

—Non, é madurez. É a primeira vez que son consciente do paso do tempo. Cando chegas á madurez é como se foses cun retrovisor mirando a túa vida.

—Hai haikus que parecen aquelas pintadas dos baños de bares.

—Si, de feito hai un poema titulado Non odias os luns, odias o capitalismo, que era unha pintada que vin nun polígono industrial. Eu traballo moito con materiais que encontro e os poño en contextos literarios. Son un chatarreiro (ri).