Uxía Blanco: «Díxenlle que non a Fraga; Caballero tivo que chamarme máis de tres veces»
VIGO
A actriz pasa páxina da política e regresa ao cine á vez que se estrea como escritora. «Non fun concelleira para medrar no partido; foi positivo, pero eu xa estou noutro momento»
27 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Ando estos días abrindo as portas do tempo libre, o ben máis prezado que un pode ter». Quen chegou a ter ata tres traballos nun mesmo día, goza do retiro da política. Uxía Blanco deixa o Concello de Vigo, pero non a vida pública, porque a súa carreira está impregnada de compromiso social e creativo. Foi precisamente a ansia por axudar ás mulleres o que fixo que aceptara, no ano 2015, a proposta de Abel Caballero para ir nas listas ás eleccións municipais. Foi concelleira de Normalización Lingüística e Xuventude, pero é na área de Igualdade onde saca os galóns. «Temos salvado vidas de vítimas de violencia machista. Ante eso, que pode haber?».
Blanco, que é licenciada en Historia con praza no ensino público, daba clase no centro de Educación para Adultos (EPA) do Berbés cando aceptou á oferta do rexidor vigués. «Caballero xa me chamara e eu xa lle dixera que non tres veces. A última, foi nunha época na que eu, ás veces, escribía ao Concello para pedir para as miñas alumnas desfavorecidas e el díxome: ‘Se queres facer cousas, vente'». Ala foi, durante 8 anos. «Non entrei aí para medrar no partido, foi positivo e aprendín moito do alcalde, pero xa estou noutro momento». Non lle pasou o mesmo a Manuel Fraga, que pretendeu fichar á actriz, sen éxito. «Pediume que fora directora de Cultura na Coruña, pero eu non podía aceptar, eu defendo causas».
Agora, mentres corrixe un guión sobre a actriz María Callas, que se vai rodar en Vigo, Blanco está a iniciarse como escritora. «Si lle pedira permiso a Caballero, podería seguir compatibilizando, de feito ata a pandemia seguín rodando Serramoura á vez que no Concello, pero non tes tempo libre. Eu solo collía 5 días ao ano de vacacións. Non chos negan, pero como o alcalde non descansa nin un día, xa non te atreves».
De monxa a mestra e actriz
Confesa que foron as monxas as que detectaron o seu talento para a actuación. «Eu quería ser relixiosa. Nos contaban iso do ceo e me parecía que así chegaría máis rápido. Eu era a alumna máis aplicada, pero as monxas déronse de conta de que vía repetidas as películas de Marisol que nos proxectaban os domingos no internado. Díxeronme que non podía ser monxa e actriz á vez». Quedou coas letras, primeiro como docente de Humanidades en varios institutos de Pontevedra e, máis tarde, como actriz. Arrancou no espectáculo con 36 anos, cando nun exercicio de atrevemento presentouse ante Chano Piñeiro, sabedora de que o director non daba atopado a actriz para Sempre Xonxa. «Fun á súa farmacia. Estiven por pedir unhas aspirinas e marchar, porque me tremían as pernas, e díxenlle: Non busques máis, Xonxa son eu».
Relata o medo paralizante que sentiu, temerosa de recibir un non que enterrara as súas ansias de actuar. Lonxe do rexeitamento, acabou como protagonista dunha das primeiras películas en galego e descubriu un oficio que a abrazou. Xonxa deu paso a Rosa, na Lingua das Bolboretas, e case sen darse de conta, o audiovisual foi copando o seu currículo no que figuran as grandes series da TVG: Mareas Vivas, Libro de Familia, Padre Casares... Pero tamén tramas nacionais como Cuéntame, Médico de Familia ou El Comisario. «Houbo un día que rodei pola mañá en Allaríz A Lingua das Bolboretas, de aí marchei a Santiago pola tarde a presentar un programa que tiña e, pola noite, din clase no instituto en Pontevedra. A miña vida é traballo, traballo e traballo».
Vigo converteuse no seu punto de referencia e a súa casa con vistas á ría un lugar vital. A artista solo cambia a paisaxe viguesa polo entorno da infancia, unha aldea do Concello de Touro que se chama Loxo. Cada domingo regresa á casa familiar que conserva a esencia do que foi e sigue sendo. «Somos catro irmáns mulleres e debémoslle ao noso pai a creatividade. De nenas, polas noites tumbábamonos no monte e mirabamos ao ceo mentres el nos contaba contos que inventaba por capítulos. Eu vía os personaxes no manto escuro do firmamento. A primeira vez que fun ao cine, a sala recordábame á escuridade da noite e as historias rimadas que nos relataba meu pai».
Esas historias nutren á actriz e á escritora que asoma, de momento con relatos curtos. «Na política estrañei a interpretación, aínda que as vodas que eu oficiaba, a xente acababa sempre rindo e celebrando. Eu vou vendo personaxes pola rúa, todos somos intérpretes en distintas facetas da nosa vida. Non dubides que ter pasado pola política tamén me vai inspirar nesta fase». A súa nova produción presentarase en poucas semanas e rodarase, en boa medida, nos camerinos do Auditorio Mar de Vigo. «O traballo sobre Callas vai sorprender, importa moito a simboloxía, pero non podo dicir que papel vou facer. Hai que deixar que conte algo o director», se escusa, co método de Abel Caballero aínda interiorizado.
«Casta Diva», de María Callas. «Estou descubrindo a muller detrás da diva. Foi a máis famosa do mundo, pero tamén a máis desgraciada. A súa vocación era casarse e facer receitas de cociña e descubriu pola televisión que Onassis estaba con Jackie Kennedy. Callas foi unha muller explotada polos homes que tiña ao redor».