
O lateral esquedrdo recoñece que o Cangas vive o seu ano máis difícil, pero aposta pola salvación aínda que sexa vía promoción
10 ene 2024 . Actualizado a las 08:06 h.O Balonmán Cangas xoga o domingo (18.30 horas) o primeiro partido do ano na súa cancha do Gatañal. Volve a casa na posición de play off de permanencia, nunha situación delicada e logo de volver á competición do peor xeito en Logroño. Brais González, lateral esquerdo e un home clave no equipo, recoñece que están no momento máis delicado dos últimos anos, pero do mesmo xeito, non dubida de que acadarán de novo a permanencia, aínda que sexa vía play-out. Pensa que, salvo o Barça, deben afrontar todos os partidos da segunda volta como se fosen a final da súa Champions.
—Como están nesta volta á competición?
—Pensabamos que estabamos mellor do que amosamos no último partido, en Logroño, onde non nos achegamos ao que somos nós a nivel competitivo e agora, traballando esta semana para cambiar a imaxe o domingo.
—Volver á competición cun equipo de arriba nunca é doado.
—O Logroño agora vai cuarto e é unha saída na que podes perder tranquilamente. O problema non foi perder, senón o xeito de facelo. No momento que te vas ao descanso dez abaixo, é imposible que esteas competindo cos teus sinais de identidade. No segundo tempo, maquillamos o resultado porque eles xa se viron gañadores no descanso.
—Como ve a primeira cita do ano no Gatañal ante Puerto Genil?
—Difícil. Eles teñen unha defensa das mellores da liga e ao final nós nos imos nin sobrados de puntos nin de sensacións e entón, o primeiro debe ser toparnos a nós mesmos, volver a competir. O bo que temos é que xogamos na casa e iso sempre é un plus.
—Cal pode se a clave para gañarlles?
—Competir como sabemos facelo. Temos que ser sólidos defensivamente, axudando á portería, e en ataque, reducir as perdas de valor. Se o facemos, imos ter o partido bastante encamiñado.
—O Gatañal non está sendo tan determinante como outros anos.
—Ao noso público non lle podemos pedir máis, pero é certo que incluso nos partidos que nos marcaramos como claves no calendario na casa, a maioría non conseguimos gañalos, aínda que en moitos sumamos un punto. O problema é todo noso, a afección non pode facer nada máis.
—Está sendo o ano máis difícil?
—O ano pasado xa foi difícil, pero para min, dos que levo aquí, salvo o ano que se parou a liga pola covid, este é o máis difícil. Daquela estabamos practicamente na mesma situación, porque a liga parou cando tiñamos 7 puntos, que son os mesmos que temos agora. Dos cinco que levo no primeiro equipo, é o máis difícil.
—O primeiro obxectivo ten que ser aguantar nese terceiro posto por abaixo?
—Si. Agora mesmo, nesta liga tan igualada, o imprescindible é conservar ese terceiro posto. O seguinte equipo por riba nosa xa nos leva seis puntos e nós temos que facer o que temos que facer, non mirar moito a clasificación e ir partido a partido para sumar os máximos puntos posibles e o final da liga xa nos dirá onde merecemos estar.
—A nivel anímico, van estar recuperados para o domingo?
—Animicamente é unha sensación mala porque non adestras mal nin moito menos e logo vas á competición no es capaz de plasmar o que fas durante a semana. Na pretempada gañámoslle a equipos como o Ademar e o Braga e agora chega a competición e non tes esas sensacións.
—Tamén pensara verse cunha soa vitoria a estas alturas?
—É certo que empatamos moitos partidos, pero o que fala a clasificación é que só temos unha vitoria en seis meses que levamos de competición e iso dáche motivos para pensar que nos falta algo e que estamos fallando en cousas importantes.
—Malia a todo, supoño que está convencido da permanencia.
—Totalmente, eu sempre fun optimista. Mentres dependamos de nós mesmos como agora, eu creo que o imos sacar, pero é mellor non mirar a clasificación e ir partido a partido.
—A estas alturas o de menos xa é o rival, necesitan gañar.
—A excepción do Barça, o resto dos partidos temos que xogalos sempre como se fose a nosa final da Champions.
—E cando chegue un final axustado, que saia cara.
—Iso tamén o estamos traballando nos adestramentos para ver se podemos solucionar esas situacións. É certo que a sorte non nos acompañou, pero hai moitos partidos, como o de Valladolid, onde a responsabilidade é totalmente nosa.