A Universidade de Vigo porá en marcha unha unidade da diversidade 

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Estrela Rivas, Carla Míguez, María Victoria Carrera, Nazaret Blanco y Ártemis López en la presentación del libro de Galaxia: As múltiples cores da vida,  coordinado por las investigadoras de la Universidad de Vigo, María Victoria Carrera Fernández y Nazaret Blanco Pardo
Estrela Rivas, Carla Míguez, María Victoria Carrera, Nazaret Blanco y Ártemis López en la presentación del libro de Galaxia: As múltiples cores da vida, coordinado por las investigadoras de la Universidad de Vigo, María Victoria Carrera Fernández y Nazaret Blanco Pardo cedida

«As múltiples cores da vida» é o novo libro da colección Feminismos editado por Galaxia que estuda a realidade do colectivo LGBTI

16 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fun vexado, marxinado, ridiculizado, ameazado, golpeado entre varios. A escola foi un pequeno inferno». «A malleira máis grande que me deu un homófobo non a recibín na rúa, senón na casa unha semana despois de cumprir os 17». Son testemuñas recollidas en As múltiples cores da vida, novo libro da colección Feminismos de Galaxia, presentado onte. A obra amosa a dura realidade que ten que enfrontar o colectivo LGBTIQ+: discriminación, violencia e dificultades de integración, á vez que se fan propostas de estratexias para promover unha sociedade máis xusta e libre. No acto participou o reitor, o director xeral de Galaxia e as coordinadoras da obra, investigadoras da Universidade de Vigo, Victoria Carrera e Nazaret Blanco, e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez. Xuntos fixeron unha chamada á unidade, porque, tal e como recalcou o reitor, «hai loitas que non poden gañarse se non é desde a unión, para que ninguén, independentemente da súa condición, se sinta discriminado». Nesta liña, Reigosa, agradeceulle a Galaxia a posta en marcha dunha colaboración «moi frutífera para todos», que «axudará a conseguir unha sociedade máis xusta». Ao abeiro desta presentación Reigosa anunciou tamén que desde a Universidade se está a traballar xa na próxima posta en marcha dunha Unidade da Diversidade, «xa que hai toda unha serie de colectivos que precisan esa axuda da academia».

Pola súa banda, Xosé Manuel Soutullo aproveitou esta presentación para adiantar que este mesmo ano sairán do prelo dous novos libros da colección: Hackeamos ao patriarcado. Unha análise do machismo dixital e Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, obra coordinada pola vicerreitora Susana Reboreda. «O noso compromiso a prol das políticas de igualdade e de respecto das identidades sexuais é firme e, neste sentido, agardamos poder seguir contando coa colaboración da Universidade de Vigo».

Crueldades 

Tal e como se explicou durante a presentación, o libro deixa claro que os avances en relación á situación das persoas LGBTI son innegables en practicamente todas as sociedades que se consideran a si mesmas desenvolvidas, mais queda aínda moito por conseguir. Para demostralo achéganse traballos, ademais das propias coordinadoras, de Rebeca Jorge Rodríguez, Ártemis López, Carla Míguez Bóveda, Alejandro Raposo González e Estrela Rivas López, onde se amosa a dura realidade que ten que enfrontar o colectivo LGBTI. 

.