O colexio de Panxón despide a Alfonso Álvarez Cáccamo co cariño da que foi «a súa familia»
![Pedro Rodríguez Villar](https://img.lavdg.com/sc/nrwxcXTazra-strWbkbe6HmOrG8=/75x75/perfiles/1682617861901/1682618040561_thumb.jpg)
VIGO
![](https://img.lavdg.com/sc/U1vcov_FYGLpOMaSstGsWjMDiu0=/480x/2024/04/23/00121713894722007534277/Foto/V_20240423_185218000.jpg)
Foi profesor do CPI Arquitecto Palacios durante máis de trinta anos
24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Alfonso sempre entraba a clase cun sorriso, un chiste e unha anécdota», conta a súa filla e tamén alumna, María. Era un profesor distinto, deses que deixan pegada. Moitos dos seus alumnos coinciden no mesmo. Daba historia e algo de xeografía, pero tamén era un home que pintaba as aulas co seu sorriso e os seus debuxos. Tiña carácter, pero sabía rebaixar os malos momentos coa música do seu acordeón. Lembran como logo dunha forte discusión, Alfonso Álvarez Cáccamo rompía o silencio dos corredores tocando e cantando. Era, ademais de escritor, debuxante, poeta e profesor, un amigo máis para docentes e alumnos que pasaron polas aulas do seu colexio en Panxón.
Onte, no CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios de Panxón, antes CPI de Panxón e antes ISM de Panxón, fogar de Alfonso durante case toda a súa carreira profesional, «o escritor recibiu a primeira de moitas homenaxes que virán». Ningún dos alumnos de hoxe tivo unha clase con el, pero entre eles estaban sentados a súa filla, o seu irmán, a súa compañeira e amigos. Nas súas palabras Alfonso reviviu co seu sorriso. «Porque se meu pai estivera aquí... Todos estaríamos de troula», anunciou a súa filla.
![](https://img.lavdg.com/sc/uK40w5mpIqI2MPeRSfyIPWnH3Kc=/480x/2024/04/23/00121713894841619150109/Foto/G11Y8095.jpg)
Nas paredes do salón de actos do colexio había unha escolma de debuxos de Alfonso. Fíxoos durante os seus máis de trinta anos alí. Son caricaturas de persoas. Algunha, probablemente, inspiradas en compañeiros. Si, el tamén atopou no colexio inspiración. Un compañeiro seu, Alejandro Rouco, que antes de ser profesor foi mariñeiro, contou que un dos seus libros de relatos naceu de historias que falaron entre viños. «Estaba escribindo ao meu lado mentres falaba. Pregunteille que estaba facendo. E dixo que a el todo iso lle servía para despois».
O historiador, Carlos Méixome, tamén lembrou que un dos seus libros estaba adicado «a todos os seus alumnos e alumnas do colexio de Panxón» e a escritora, Marta Dacosta, tampouco quixo esquecer «a gran xenerosidade de Alfonso co país. Non tiña medo ningún en posicionarse» e destacou que «de non ter existido habería que telo inventado».
Foron moitas as voces que lembraron onte Alfonso e agora, como dixo María, as súas obras quedan aí para todos. Libres de interpretar e de entender como queiran. No colexio entregáronlle unha pluma, un bolígrafo e unha libreta que lle ían a agasallar a Alfonso na visita que tiña prevista para o Día do Libro. Agasallos que pintarán as novas letras que deixou Alfonso en cada un deles.