Ramón D. Veiga: «Os nenos escandalízanse menos ca os adultos»

Pedro Rodríguez Villar
pedro rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Vén de gañar o premio Frei Martín Sarmiento tras ser elexido por un xurado de 3.000 alumnos

12 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Gañar o premio Frei Martín Sarmiento sempre é especial para un escritor. Non é un recoñecemento ordinario, o xurado non está composto por especialistas ou autores elixidos, senón que son os propios nenos lectores os que deciden os libros que máis lle gustan. Este ano participaron 3.000 alumnos de primaria no premio que organiza Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Lingua e decidiron premiar o libro Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente (Edicións Embora) de Ramón D. Veiga como mellor obra para nenos de primeiro e segundo de primaria. «Este premio é dos que máis valoro porque o xurado son as persoas para as que está feito este libro», explica. O escritor de Fene, pero residente en Vigo, sabe que un libro infantil pode ter dúas lecturas totalmente distintas: as que dá un neno e as que dá un adulto.

Este premio é un recoñecemento máis na carreira dun escritor que comezou cos contos relativamente tarde. As súas historias naceron canda a súa filla. O seu primeiro libro é un agasallo que se garda para cando ela sexa máis maior (ten doce anos). Cando «soubemos que iamos ter unha filla collín un caderno para ir escribindo todo», conta. Pegou fotos, tiques e pequenos obxectos que gardan memorias xunto a poemas, contos e debuxos. Foi un diario do nacemento e do seu primeiro ano. Logo acabouse o caderno e chegaron as novas historias. O seu primeiro libro, Violeta quere ser vampiro. Un Conto do Samaín (Xerais) publicouse en 2017.

Ramón non escribe para desafogar ou moralizar. É un escritor «simple que se divirte creando». Non se refuxia nos seus textos, simplemente, como lle pasa coa lectura, escribir é un lugar no que pasar un bo rato. As súas obras tamén queren que o lector o pase ben. Por exemplo, o 25 maio presenta na Fundación Neira Vilas o seu primeiro libro de teatro, Medo me dá!, que fala «dos medos que teñen as personaxes que nos dan medo a nós». Por exemplo, un vampiro aos dentistas ou un lobishome a un peiteador. É a súa primeira vez escribindo teatro, pero os seus contos teñen un denominador común co seu novo libro: humor, diálogos sinxelos e festas tradicionais. O samaín ou o entroido son fontes de inspiración e «tamén de diversión» e algúns nenos coñécenas a través dos seus libros. Cando presentei o meu libro É tempo de Entroido!, houbo un neno de León que aprendeu sobre as máscaras a través do seu conto. «Sabía máis ca min», ri Ramón.

Escribir para nenos «é moito máis sinxelo para min», conta. Non se escandalizan tanto coma os adultos e pode tratar temas complexos doutro xeito. Eles o vén dunha maneira diferente, moito máis natural. Por exemplo, a súa saga de libros, Miñoca, que o leva de xira por colexios de toda Galicia cada semana, vai sobre un verme que se atopa cun coello e, aínda que ao principio parecen non facer boas migas, axiña se decatan de que a amizade está moi por riba das diferenzas. É un conto que vai da aceptación e sobre o medo ao diferente. Fala de situacións que, en forma, non se afastan moito das que se viven nos colexios. Os nenos «están a acoller moi ben» a Miñoca. Son un público «moi agradecido». Cando vai de visita a algún colexio, recíbeno co libro na man «como se eu fose alguén importante». Estes momentos son para Ramón «o máis bonito que lle trouxo a escritura». Tamén é unha labor que ten que facer para que os seus libros poidan sobrevivir tras deixar de ser unha novidade. En Galicia, se un escritor quere vender os seus libros «ten que facelo el». As editorias non lle poden adicar tanto tempo. Normalmente, sacando un poucos casos, só aguanta tres meses nas librarías. Para evitar iso, trata de ir aos colexios e facer presentacións sempre que pode. Nos últimos meses vai case a dous ou tres actos por semana.

Para Ramón, os pais e as escolas teñen a responsabilidade de ensinar aos nenos que a lectura pode ser divertida. El é o que trata de facer. Amaba ler de neno e agora é o seu traballo. Ademais de escritor, é editor e, tamén, é un pai que trata de axudar á súa filla a ler buscando libros que lle van gustar. «Os seus gustos van cambiando ao facerse maior. Agora eu leo cada mes varios libros xuvenís e doulle unha selección sabendo que lle van gustar», conta. Fai isto porque a lectura «foi para min moi importante. Aprendín tantísimo e descubrín tantos novos mundos que sei que a miña filla ou a calquera neno vaille gustar e facer ben». Os libros son, en definitiva, lugares onde «pasar un bo rato», tanto léndoos como escribíndoos.