Estudantes de Vigo sementan o litoral con poemas e música de Luísa Villalta

b.r.s. VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

O alumnado do CEIP Ría de Vigo, do IES Coruxo e do Conservatorio de Música Profesional de Vigo participan nun proxecto no que seleccionan versos,  rexistran en audios os recitados e preparan 22 paneis para colocar na praia do Vao con códigos  QR

21 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O alumnado do CEIP Ría de Vigo, do IES Coruxo e do Conservatorio de Música Profesional de Vigo sementa o litoral de Vigo cos poemas de Luísa Villalta, autora homenaxeada no 2024 no Día das Letras Galegas. O proxecto comezou co traballo sobre a obra e figura de Villalta a cargo do departamento de Lingua Galega do instituto de Coruxo. O alumnado de 1º da ESO está a realizar o estudo da figura da escritora. A escolla dos versos foi levada a cabo polo equipo de dinamización da Lingua Galega do centro educativo e o traballo do recitado fixéronno rapazas e rapaces de 1º bacharelato.

Despois, estudantes de 5º e 6º curso do CEIP Ría de Vigo e do conservatorio rexistraron en audios os recitados seleccionados. No conservatorio están a crear ou adaptar músicas para acompañar cada un deles, intervindo neste punto diferentes departamentos e especialidades instrumentais, aportando sonoridades e estilos variados, dende improvisacións sinxelas en diferentes instrumentos a obras electroacústicas, pasando por propostas que mezclan gravacións acústicas con efectos sonoros engadidos dixitalmente.

Cando este último traballo estea realizado, o departamento de Tecnoloxía do IES Coruxo e o seu alumnado procederán a elaboración dos códigos QR, para rematar coa edición dos paneis e posterior instalación. Este proxecto amplíase coa instalación de 22 paneis, que inclúen versos da autora galega e incorporan un código QR que enlaza co poema íntegro e un audio do recitado do mesmo, acompañado por obras musicais creadas ou adaptadas polos mozos. Á inauguración, que será o próximo luns, 27 maio ás 19.00 horas no paseo da Praia do Vao (á altura do posto da Cruz Vermella), asistirán as direccións dos tres centros, as ANPA e as asociacións culturais de Coruxo e San Miguel de Oia.

Tamén acudirán familiares da escritora Xela Arias, coa que hai catro anos arrancou esta iniciativa denominada precisamente XELA (Xerando Espazos de Lectura no Aberto). «Ademáis de fomentar o uso do galego tanto na fala como na escrita a través da creación poética e as lecturas compartidas, trátase de procurar que os rapaces de primaria e secundaria lle perdan o medo a ler e a escribir poesía», sinala un dos promotores da idea e xefe de estudos do centro Ría de Vigo, Xoán Carlos Vázquez. «Temos que xerar espazos e momentos nos que os xóvenes poidan comunicarse en galego e crear obra literaria de xeito colaborativo e innovador», defende Rodrigo Varela, coordinador do IES Coruxo. «Invertimos moito tempo, esforzo e, sobre todo, moita paixón», destaca Rebeca Carrera, profesora no Conservatorio Profesional e unha das promotoras da idea.