Estudantes de Vigo colocan na praia de O Vao paneis con versos de Luísa Villalta e música con QR

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

No proxecto participaron alumnos do CEIP Ría de Vigo, do IES Coruxo e do Conservatorio de Música Profesional de Vigo

28 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os 22 paneis con versos de Luísa Villalta que forman parte do proxecto XELA (Xerando Espazos de Lectura no Aberto) xa lucen na praia de O Vao. Os murais incorporan un código QR que enlaza co poema íntegro e un audio do recitado do mesmo, acompañado por obras musicais creadas ou adaptadas polos participantes: alumnado do CEIP Ría de Vigo, do IES Coruxo e do Conservatorio de Música Profesional de Vigo.

O traballo comezou cunha investigación sobre a obra e figura de Villalta a cargo do departamento de Lingua Galega do instituto de Coruxo e alumnado de 1º da ESO. A escolla dos versos foi levada a cabo polo equipo de dinamización da Lingua Galega do centro educativo e o traballo do recitado fixéronno rapaces de 1º bacharelato.

Despois, estudantes de 5º e 6º curso do CEIP Ría de Vigo e do conservatorio rexistraron en audios os recitados seleccionados. O seguinte paso foi xa no conservatorio. Alí, crearon e adaptaron músicas para acompañar cada un deles, intervindo diferentes departamentos e especialidades instrumentais, aportando sonoridades e estilos variados.

Cando remataron, o departamento de Tecnoloxía do IES Coruxo procederon a elaboración dos códigos QR para rematar coa edición dos paneis e posterior instalación. Á inauguración, onte pola tarde, asistiron as direccións dos tres centros, as ANPA e as asociacións culturais de Coruxo e de San Miguel de Oia.

Tamén acudiron familiares da escritora Xela Arias, coa que hai catro anos arrancou esta iniciativa denominada precisamente co seu acrónimo: XELA (Xerando Espazos de Lectura no Aberto).