Roi Sánchez: «No deporte, o esencial son as cabezas e o Cangas deu coa tecla e cos xogadores»

X. R. C. VIGO

VIGO

CEDIDA

O vigués considera favorito ao Cangas,pero tamén di que ten toda a presión

03 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Roi Sánchez (Vigo, 1984) lidera dende o banco o proxecto do San Pablo Burgos, o rival do Balonmán Cangas no play off de permanencia. O adestrador dá como favorito ao equipo de Asobal, pero se chegan con vida ao Gatañal, pensa que poden dar a sorpresa. Avisa de que teñen un equipo con potencial, pero tamén eloxia á plantilla canguesa e ao seu adestrador. O primeiro asalto será o mércores ás 20.30 horas en Burgos.

—Como ve a eliminatoria?

—Para nós, o máis importante é recuperarnos animicamente do pau a fin de semana pasada. O Cangas é favorito, por suposto, pero nós temos as nosas opcións.

—Perder a final polo ascenso na casa sería un pau.

—Si, porque vimos como Guadalaxara ascendía en Burgos e como Aranda, que é o noso eterno rival, tamén ascendía en Burgos nun partido onde, faltando 15 minutos, gañabamos de catro. Foi un partido moi de Prata, moi trabado e con moita defensa.

—Que o Cangas tivese Copa pode xogar ao seu favor?

—O Cangas está acostumado a este tipo de situacións, pero tamén penso que pode ter presión por ser o equipo de Asobal e ser o favorito, pero por outra banda, xogamos a volta no Gatañal, onde é complicado facer bos partidos. A ida pode marcar un pouco a eliminatoria, se nós podemos chegar co vida ao segundo partido, podemos ter as nosas opcións.

—A que achaca a diferenza do Cangas entre a primeira e segunda volta?

—O deporte de alto rendemento son as cabezas, e penso que o Cangas deu coa tecla e cos xogadores axeitados para coller unha boa racha, pero tamén durante a primeira volta o Cangas perdeu moitos puntos por un gol, sobre todo no Gatañal. Era un pouco irreal a situación de tan poucos puntos. É un equipo que está ben adestrado, que ten bos xogadores, moi creativo, con moito ritmo. Penso que o seu nivel de xogo foi bastante estable.

—Qué xogadores destaca do Cangas?

—Creo que os dous estremos xogan a alto nivel, tanto Mario como Jenilson. Toth está participando máis e levando o peso do ataque e a irrupción do lateral esquerdo danés foi importante, Santi López está a bo nivel... Creo que agora mesmo é un equipo moi completo e coral.

—Cal vai ser a clave da promoción para vostede?

—Dende o punto e vista de Burgos, poder chegar a Cangas con vida. Facer un bo partido na nosa casa, onde somos moi potentes e temos menos presión. Un bo resultado para nós sería gañar o partido, aínda que sexa dun gol. Tamén un empate. Non penso que lle poidamos gañar a Cangas de moitos goles.