
A escritora Isabel Blanco asinará hoxe «Bambú» na Feira do Libro de Vigo
02 jul 2024 . Actualizado a las 21:42 h.Isabel Blanco estará na Feira do Libro de Vigo este mércores ás 17.00 horas, na caseta da libraría Librouro, asinando o seu libro Bambú. Trátase dunha novela bilingüe, que combina o castelán co galego, na que a voz dunha muller percorre os diferentes espazos dunha casa na que o pai exerce violencia psicolóxica contra a súa muller e a súa filla.
—Que diferencia a Bambú do resto dos seus libros?
—Eu creo que a diferenza é moita. Bambú rompe co que poderiamos chamar dinámica de colección. Viñamos de Galegas na Ciencia e Galegas nas Artes, que son parte dunha colección; dos libros de Rosaura, de poesía infantil, que son tres; e de tres libros de relatos en castelán, entre outros. Ademais, Bambú é unha obra cun único relato, e é a primeira vez que escribo unha obra cun só relato. Outros libros contan con oito ou nove cada un; este contén unicamente unha historia. Por último, Bambú é unha obra bilingüe: está escrita en galego e castelán.
—Por que decidiu escribila nas dúas linguas?
—É bilingüe por dúas razóns. En primeiro lugar, quería que a novela estivese escrita en galego; con todo, tamén escribo moito en castelán, xa que é a miña lingua materna. En Bambú, o bilingüe non é o uso do idioma, senón que hai unha páxina en castelán, outra en galego... E así sucesivamente. A segunda razón está relacionada con este xeito de facer o libro bilingüe: gústanme moito as poetas Emily Dickinson e Anne Carson, e son dous referentes para min. Gran parte da súa obra está editada en inglés e castelán e quixen adoptar o formato para Bambú.
—Por que «Bambú»?
—O bambú é a planta que está no balcón da casa, e constitúe o único lugar onde a protagonista se pode retirar. Non só é polo feito de estar no exterior da casa, senón polas connotacións que ten para ela, que conta como se refuxiaba debaixo do bambú xunto á súa nai e ambas sentían un frescor tropical que contrastaba coa calor abafante da casa.
—Vostede, que é avogada, leva décadas asesorando a mulleres en cuestións de violencia machista. Pensa que esa experiencia a axudou a escribir Bambú?
—Levo exercendo dende hai 35 anos. Móvome polos dereitos das mulleres e por un activismo feminista diario. Escoitar as testemuñas de milleiros de mulleres —e non é unha esaxeración— marcoume non só no profesional, senón tamén no persoal. Bambú non é a historia de ningunha delas, senón que é a ficcionalización de moitas historias que suceden na realidade.
—Declarou nalgunha ocasión que Bambú busca espertar conciencias. Cre que o conseguiu?
—Espero que si. Dende logo, removeunas. Moitas mulleres escribíronme para dicirme que tiveron que facer pausas na súa lectura. A novela removeu a moitas mulleres que a leron. O que conta non lles é alleo. Temos que darnos conta de que a violencia contra as mulleres non afecta só a algunhas, senón que é unha violencia estrutural que nos afecta a todas e todos os días. En canto aos homes, é máis difícil conciencialos, pero espero que Bambú contribúa a que os comportamentos violentos desaparezan.
—Para rematar, podería falarnos dos seus futuros proxectos?
—Teño dous: un libro de relatos que xa comecei a escribir e outro que prefiro manter en segredo ata que estea máis avanzado. Con sorte, rematareino nuns meses e en setembro xa estará en fase de corrección.