Foi colaborador de varios medios de comunicación, entre eles La Voz de Galicia
22 oct 2024 . Actualizado a las 01:07 h.«Cando unha persoa logra escribir como fala pode escribir unha novela», dicía o poeta e xornalista vigués Manuel Vidal Villaverde (Vigo, 1946-2024) nunha entrevista arquivada na filmoteca da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) en 2019. Así, dalgunha maneira, definiu un estilo de escrita que comezou a madurar «cando tiña 17 años» e que o levou a colaborar en varios medios de comunicacións, entre eles La Voz de Galicia, e a publicar varias obras de poesía e de ensaio. A voz de Manuel Vidal sempre foi de importancia para a cultura galega, un sector que o despide cun «profundo pesar» a través da AELG da cal era socio. Faleceu o pasado 19 de outubro aos 78 años de idade.
Manuel, ademais de escritor e xornalista, era unha persoa comprometida coa lingua galega. Foi, «coma tantos outros», un neno que creceu nunha familia diglósica. O seu pai falaba un «castelán castrapo» e a súa nai galego. Creceu en Lugo no idioma da súa nai, pero na escola só podía ler no do seu pai. Máis maior, foi adquirindo unha conciencia que «me fixo escribir en galego por unha cuestión política». Sentía que era o seu idioma, o da súa nai, o legado da súa familia e que debía utilizalo «ata recuperar un idioma que nos foron arrebatando». Sempre defendeu que ía seguir nesa liña ata que non se «harmonice a situación do idioma e asome outro tipo de realidade. Ata ese momento vou a estar aí digan o que me digan», insistía.
Vidal comezou a escribir na súa mocidade. Primeiro de xeito secundario, «estaba máis interesado en investigación de arqueoloxía medieval», e logo dende o xornalismo «porque sempre practicou un xornalismo literario». Lembra que sendo un rapaz quedou cun escritor en Vigo para ensinarlle uns poemas. Levoullos nunha «carpetiña azul nunha libraría que estaba na Gran Vía», ensinoullos e el pregúntolle: «¿Leíste algunos de mis libros?». El respondeu, pero a resposta que buscaba era a opinión dos seus poemas. O home leu algún e díxolle: «¿Solo sabes hacer esto? Sobre el amor ya está todo escrito». Unha anécdota que sirve para resumir o que inspiraba a Vidal: «os camiños da vida».
Entre as publicacións de Vidal hai un libro que nunca viu a luz. Chamábase Arrincando as follas e tiña un prólogo de Ramón Otero Pedrayo. Mandarallo a Trasalba (Amoeiro, Ourense) para que lle fixera a introdución. O escritor do grupo Nós respondeu e pasoulle un texto a man para que o incluíra na publicación. Unha vez engadido, envioullo a Ramón Piñeiro, pero «se debeu extraviar porque nunca souben máis nada». Vidal tamén perdeu a súa copia.
Entre as súas obras máis coñecidas atópanse Luceiros fuxidíos (1994), A sombra do inimigo (1998) ou o ensaio Contra ou tempo (2003).