Tintín xa se pode xogar en galego

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

Tres antigos alumnos da Universidade de Vigo traduciron a última produción de Pendulo Studios sobre as aventuras do xornalista

26 oct 2024 . Actualizado a las 00:54 h.

«Caráspeta», exclama Tintín. Outra porta dunha tumba exipcia pecha as súas costas. Milú, o seu can, tamén se asusta, pero ambos seguen explorando o lugar. Esta é a expresión coa que Paula Regueiro (Ames, 2000), Ana Doval (Chantada, 2000) e Lois Agrelo (Noia, 1991) decidiron traducir unha das famosas frases do xornalista que creou Hergé no videoxogo de Pendulo Studios: As Aventuras de Tintín: Os Xarutos do Faraón. «Para min é un soño. Eu sempre fun moi fan das súas historias e, agora, traducilo ao galego foi unha experiencia especial», destaca Lois. Os tres mozos, Paula e Agrelo, como tradutores, e Ana, como revisora, son os profesionais que permiten que Tintín xa se poida xogar en galego.

Nun oficio, no que os inicios son sempre difíciles, os tres asinan con Tintín a súa primeira tradución profesional ao galego. Coincidiron no título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo da Universidade de Vigo e alí, a través do seu profesor Ramón Méndez, apareceulle a oportunidade de facer as prácticas traducindo o xogo de Pendulo Studios, «aos que tamén lle queremos agradecer moito que nos deran esta oportunidade», destaca Ana. Poder asinar con nome propio e saír nos créditos dun videoxogo é un aspecto de importancia para entrar «nun mercado hostil, no que as empresas grandes xa traballan con tradutores consolidados e nas que as pequenas apostan cada vez máis pola intelixencia artificial para aforrar custos», indica Lois.

Os tres soñan con poder adicarse a traducir videoxogos. Polo de agora, Paula e Lois compaxinan con outros traballos e Ana estase a doutorar. A experiencia con Tintín foi unha proba que superaron con éxito, pero non sen dificultade. Traduciron o xogo do inglés ao galego, pero co obxectivo claro de manter a esencia da personaxe e as súas expresións. Das primeiras cousas que fixeron foi «un glosario coas expresións máis famosas de Tintín e as palabras no noso idioma que máis se acercan ao seu significado», indica Paula. O videoxogo en galego vaise poder xogar en todas al plataformas (PC, Xbox, Playstation e Nintendo) a partir deste mes.

«Estou segura de que hai moita xente que vai mercar o xogo só porque está en galego», subliña Ana. Lembra que só un 5 % dos videoxogos que se xogan en España «están na nosa lingua, moi lonxe dos que se fan en catalán». Paula opina que isto é porque as administracións e a sociedade en xeral «esqueceuse dos videoxogos á hora de promocionar a lingua» e lamenta «que o feito de que Tintín se traducira ao galego é unha milagre». Ambas solicitan a administración que lembre a de millóns de persoas que xogan a videoxogos no mundo e que fagan o esforzo de traducir produtos, que como aquelas series xaponesas que marcaron a xeración Xabarín Club, poden axudar a promocionar a lingua. «Ademais, non é real que os videoxogos en galego non teñan mercado», indica Lois. «Hai público e temos un mercado potencial ao que se lle debe prestar atención e reforzar dende as administracións», subliña.

O traballo de Lois (librosgalegos.gal), Ana (@AnaOfTheValley) e Paula (@Paula_Regueiro_) é o seu primeiro paso para cumprir o soño de vivir nun sector, que «aínda está cheo de prexuízos». Moita xente aínda non sabe que pode dar de comer e ser unha profesión. Ana lembra, como hai dez anos, dixo que ía ser tradutora de vídeoxogos e a súa nai non sabía nin que existía a profesión. Un obstáculo máis nun camiño no que van avanzando e xa camiñan ao ritmo de Tintín.