María Pereira: «En Vigo temos talento para facer propostas culturais máis ambiciosas»
VIGO
Unha das máis importantes promotoras acaba de incorporarse á editorial Galaxia. «No galego faltan referentes, no deporte e na empresa hai que falar o idioma propio»
10 nov 2024 . Actualizado a las 02:20 h.«Esta semana toca ir ás librarías». María Pereira (Vigo, 1966) está redescubrindo a ilusión da novidade tras tres décadas de experiencia como programadora cultural en Galicia. Quen dirixiu doce anos o programa da Cidade da Cultura en Santiago e outros tantos o cartel de actividades da extinta Caixa de Vigo, regresa á súa cidade para dirixir Merlín Comunicación, a empresa de eventos da editorial Galaxia. «Estou en proceso de escoita. Temos como misión espallar o labor do libro e o feito lector». Estreouse hai unha semana coa presentación na sala Kominsky do libro de Fernando Fernández Rego sobre a Movida dos 80 e xa está a pensar no 75 aniversario da histórica editorial, para o ano 2025.
Nacida en Teis, nunca marchou de Vigo, pero agora tócalle reconectar coa xestión cultural no sur de Galicia. «Vigo é un fervedoiro cultural e creativo. Gustaríame que houbera máis apostas por determinada oferta. Está ben un concerto dunha grande figura internacional, pero temos xente e talento para propostas máis ambiciosas». Recado ás Administracións, pero tamén aos cidadáns. «No cotiá decídese moito. Hai que planificar cada mes unha actividade cultural». E sube a aposta. Na cidade máis iluminada de Galicia, «por que non iluminar edificios senlleiros? Hai moitas formas de facer cultura», reivindica.
O feito cultural é máis accesible hoxe, pero tamén ten máis competencia que nunca. Na pelexa da economía da atención, hai batalla, pero Pereira non se achica. «Isto é como a reciclaxe, ou o tabaco. Antes ninguén reciclaba e se fumaba nas oficinas, agora temos que cambiar dinámicas e afacernos a investir en cultura. Ás veces custa e hai que facer o esforzo inicial, pero sempre senta ben, como cando sales de excursión á natureza». Crea sen crear, porque o seu traballo é construír unha experiencia.
Parte do seu traballo consiste en poñer cifras a un feito intaxible, que é o retorno da cultura na sociedade. «É un investimento, como a educación. Hai que saber o que custan as cousas, pero cada euro en cultura se recolle co tempo». Hai medicións, como a de Sensogenoma, que acaba de premiar o Instituto de Salud Carlos III, e que se fixo en colaboración coa Sociedade Filarmónica de Galicia e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago para demostrar os beneficios da música en enfermedades neurodexenerativas.
A súa axenda é unha das máis cotizadas do mundo cultural galego. Estudiou Xeografia e Historia e cursou un máster MBA na antiga escola de negocios que pagou pedindo un crédito. «A min gústame facer cultura poñendo as cousas en marcha». Empezou programando cine estranxeiro en versión orixinal hai trinta anos e segue a reivindicar a proposta cultural como un xeito de ampliar horizontes. Ela mesma anda a explorar novos formatos.
Usuaria habitual de Youtube, admiradora dos podcats e dos audiolibros, non perde de vista que o mundo dixital pode actuar como competencia desleal cando se trata de capturar a atención das persoas. «Vivimos nunha aceleración constante, tamén nas redes. Eu mesma me descubro ás veces investindo demasiado tempo en parvadas que se poden facer, pero un ratiño. Hai que ser conscientes do tempo que lle dedicamos a esas cuestións», propón. Repensar o tempo que lle quitamos ao resto de ocio persoal e a experiencias que enriquece e supón investir nun mesmo. «O mundo da cultura é unha conversa inacabada marabillosa».
«O galego, con alegría»
Anda o galego pasando malos tempos. Para quen vive a cultura no idioma propio e acaba de fichar pola editorial que ten a lingua como centro da súa existencia, este debate é ben importante. Ela pertence á primeira xeración que estudou galego na escola e non quere ser das últimas que vivan a través del. «A situación é complicada. Faltan referencias, e non solo no ámbito cultural. Si un adestrador fala catalá e unha xogadora da selección tamén, aquí debemos facelo. Precisamos referencias e non solo no eido da cultura, no mundo do deporte, na empresa... Cando vamos a unha tenda, que se nos atenda no noso idioma, e non solo o 17 de maio. E hai que facelo con alegría, cun sorriso e complicidade».
Anda preocupada polo consumo cultural de homes e mulleres no eido tecnolóxico. «Detecto nos meus fillos que hai diferenzas de consumo por exemplo nos videoxogos. Se está a crear unha fenda de xénero que hai que abordar. E hai youtubers que empregan as mulleres como obxectos e comparsas». A cultura non pode ser desigual, defende, mentres recoñece a necesidade das cotas de xénero: «Infelizmente creo nelas porque son necesarias, senón as mulleres non estaríamos. A cultura é un reflexo da sociedade así que tamén hai desigualdade neste mundo».
A SÚA CANCIÓN FAVORITA
«Soltar», de A Pedreira. «É unha artista que me acompaña, e este ano sacou novo disco: Basal. É unha muller poderosa e polifacética, é poeta, ten feito espazos sonoros para teatro... É unha referente que está a facer moito pola cultura cunha mirada actual pegada ás raices. É unha referente para min».