A Penzol festexa os 80 anos de «Sempre en Galiza» de Castelao

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

A Casa Galega da Cultura acolle unha exposición sobre a creación do libro

16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza é o título da exposición inaugurada onte na Casa Galega da Cultura. Con ela, a Fundación Penzol quere festexar o oitenta aniversario da publicación de Sempre en Galiza, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a constitución en Bos Aires do Consello de Galicia, un goberno no exilio que foi presidido polo poliédrico rianxeiro.

O director da cátedra Castelao na Universidade de Santiago de Compostela, Henrique Monteagudo, é o comisario encargado de compendiar o proceso de creación do libro, que el considera o «elemento máis representativo da cultura galega do século XX».

Editorial Galaxia, a través da empresa Merlín Comunicación, encargouse de materializar o percorrido trazado por Monteagudo mediante paneis informativos e materiais bibliográficos e documentais pertencentes aos fondos da Fundación Penzol. Entre os documentos que se amosan está a carta, datada en 1939, pola que os representantes do Partido Galeguista en Arxentina nomearon a Castelao presidente da formación, así como a resposta deste animándoos a seguir loitando polos dereitos de Galicia.

Tamén se poden ver varias edicións de Sempre en Galiza, entre elas a primeira e do ano 1961, que tivo varios engadidos de escritos asinados polo intelectual rianxeiro despois de 1944. En marzo dese ano saía do prelo en Bos Aires o libro de Castelao, e o 15 de novembro de 1944 fundábase na mesma cidade o Consello de Galiza, unha sorte de goberno galego no exilio en plena ditadura franquista.