O autor vigués vén de gañar o Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica
19 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) é un enxeñeiro que se desenvolve entre poemas, que mestura o frío industrial con novelas nas Azores. É un home que se move entre dous mundos diferentes, que compaxina as palabras coas neveiras e que, malia ter que dividirse tantas veces, xa suma case 40 premios literarios nunha carreira que comezou maior, con 42 anos. Este mes vai facer 50 e acaba de sumar outro chanzo no seu camiño: o premio Illas Sisargas de Poesía Erótica de Malpica coa súa obra «Atravesar o don», un poemario que conta a historia «dunha muller infelizmente casada que namora dun compañeiro de traballo».
Está estruturado con poemas que, en conxunto, teñen un fío narrativo que parece de novela, é dicir, con introdución, nó e desenlace. É unha das características propias dun poemario que «non sei se é tan erótico», pero no que tivo moito coidado de «non ser pornográfico».
Fran pensa que cando os homes «escribimos sobre estes temas é complicado distinguir entre erotismo e pornografía». Opina que se debe a unha cultura e a puntos de vista cos que «crecemos e aprendemos». En «Atravesar o don» a voz protagonista é a dunha muller, como en tantas outras das súas obras, «na maioría de feito», explica. Non é unha decisión premeditada; é inconsciente, froito da capacidade que outorga a escritura para descubrir «infinitos puntos de vista». Foi das primeiras aprendizaxes que lle trouxo botarse a escribir. Aquel primeiro paso non foi moi meditado. «Andaba sempre do traballo a casa, non facía nada máis e miña muller apuntoume a un curso de escritura», lembra Fran. Foron as primeiras letras dun camiño que o ano que vén sumará 11 novelas e poemarios publicados en tan só oito anos.
A súa carreira foise construíndo premio a premio. Fran era enxeñeiro, un autor que non coñecía en exceso o mundo editorial e literario galego. «Fun presentándome a certames porque, aínda que me daba vergoña mostrar o que escribía, xa me aseguraba que houbera un grupo de persoas que me tiveran que ler e opinar sobre o que escribía». Gustou lles «e iso mola», recoñece entre risas. Eses premios son unha porta aberta «para os outsider, xente que vimos de fóra do mundo da literatura ou que non estamos tan presentes no día a día dos medios de comunicación», explica e anima a esas persoas que «escriben na escuridade» a atopar a súa oportunidade nos premios.
Aqueles primeiros logros animáronlle a seguir e, agora, a súa vida cambiou a mellor da man da escritura. «Para min é un exercicio de hixiene mental, un remedio contra o estrés e un momento para poñer pausa a unha vida que vai demasiado rápido», indica. «Pararse a mirar e pensar sobre o mundo é unha actividade que estamos deixando un pouco de lado. Penso que escribir apórtanos ese momento e fainos mellorar nunha serie de habilidades que, no mundo da intelixencia artificial, van ser moi valoradas». Fran tampouco se define como poeta ou novelista, vai cambiando de xénero por aburrimento. «Cando me canso dun paso ao outro», conta. Tamén está convencido de que non escribiría boa narrativa sen adestrar con poemas porque «a poesía debe ser o ximnasio dos narradores, conclúe.