A asociación naceu durante as protestas pola construción dun camping en A Guarda
15 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai 40 anos, veciños da Guarda erguían a voz contra a creación dun cámping á beira do Miño na parroquia de Salcidos. Aquela loita perdeuse, pero O Baixo Miño gañou unha asociación para defender a súa natureza e patrimonio. Daquelas protestas naceu a Asociación Naturalista Baixo Miño (Anabam) da man de Agustín Ferreira. «É un orgullo levar tanto tempo ao pé do canón», destaca. A asociación é unha parte fundamental da súa vida e da de tantos outros. Persoas que como Luís Dorado, Manuel Ángel Pombal, Araceli Ozores, Noé Ferreira, Salvador Muñoz e Antón Ferreira levan anos traballando por protexer e recuperar a natureza que lles roden. «Hai infinitos nomes aos que agradecer este camiño», incide Agustín. De feito, na actualidade Anabam conta con 60 persoas voluntarias.
Durante o camiño, na asociación conseguiron moitas e grandes vitorias. «Das primeiras cousas que fixemos foi solicitar a protección do esteiro do Miño. Grazas a nós declarouse nos anos 80 lugar libre de caza e, logo, no 2000 foi integrado na Rede Natura», lembra Agustín. Tamén conseguiron «evitar a construción de tres portos deportivos na zona do Miño, de dous campos de golf, un na ribeira portuguesa e outro en Pinzás (Tomiño) e tamén de protexer e recuperar a moitas especies animais e vexetais da comarca.
«Fomos pioneiros a nivel peninsular en comezar con programas para protexer as pillaras das dunas. No 2000 xa creamos un aquí e no 2014 comezamos na zona portuguesa», explica Agustín. Tamén son os responsable de colocar os primeiros niños de aguia peixeira da comarca e reintroducir tres especies vexetais na praia de Camposancos que desapareceran hai anos.
O seu traballo, aínda que está centrado na natureza, tamén impulsou a divulgación do patrimonio material e inmaterial do Baixo Miño. «Recuperamos as marcas mariñeiras da Guarda, editamos publicacións sobre a historia das pías salineiras e da igrexa do municipio. Temos claro que tampouco debemos deixar de lado a nosa historia», explica Agustín.
Tanto traballo fixo que Anabam sexa recoñecida «coma unha das entidades naturistas máis serias de todo estado» e fai que sexa referente para outros tantos proxectos similares. Hoxe, o soño de Anabam continúa «ao pé do canón» na defensa e recuperación da natureza e do patrimonio cultural do Baixo Miño.