A Xunta inicia no instituto do Calvario os actos escolares do Ano Castelao

La Voz VIGO

VIGO

O centro educativo vigués acolleu unha mesa redonda ao redor da figura do intelectual galeguista

30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Galicia iniciou onte no Instituto de Ensino Secundario do Calvario a programa escolar incluída no Ano Castelao, co que se recorda o 75 cabodano do intelectual galeguista. Ao acto acudiu o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O instituto acolleu unha mesa redonda inaugural en torno á figura do autor de Sempre en Galiza, á que lle seguirán outras 13 accións ata decembro deste ano. As actividades inclúen encontros, charlas, conferencias, un recital e a proxección dun documental. En todas estas actividades participarán personalidades relevantes do eido cultural, académico e artístico.

Estas actividades lévanse a cabo desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da coordinación cos equipos de Dinamización da Lingua e tamén das bibliotecas coas que contan as escolas galegas. «Se nalgún sitio temos que seguir mantendo aceso a valiosa herdanza cultural, artística, intelectual e de profundo amor á lingua que nos legou Castelao, este é, sen dúbida, na educación e entre a nosa cativada, presente e futuro de Galicia», afirmou Valentín García na súa visita ao IES Castelao.

Ata decembro, o alumnado do instituto do Calvario poderá valorar as importantes achegas de Castelao no eido artístico e plástico, nos idearios políticos das formacións actuais ou na literatura e na dramaturxia. Nestas actividades participarán, entre outras personalidades, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, os académicos Xesús Alonso Montero e Marilar Aleixandre ou o catedrático Xosé Ramón Pena.

Valentín García, durante a súa visita onte ao instituto vigués, salientou que ao abeiro da declaración do Goberno galego de Ano Castelao para este 2025 levarase a cabo, dentro da ampla programación conmemorativa, «iniciativas específicas para divulgar nos centros escolares galegos a relevancia da figura e da obra do autor de Rianxo, como é o caso deste centro vigués».

Pola súa banda, Abel Caballero sinalou que Vigo é unha «cidade onde tantos lugares e edificios levan o nome de Castelao» e destacou a «visión transversal» que tiña de toda Galicia Alfonso Daniel Rodríguez Castelao