





Iván Sestay lembra que no lugar había seis casas.
A cidade é o municipio de Galicia na que se recolleu máis toponimia
19 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un mapa aéreo de Vigo. 15 puntos coloreados de amarelo. «Onde están As Casas do Cu da Veiga?», pregunta o xogo de Galicia Nomeada, unha aplicación que a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia desenvolveron para a recollida dos nomes dos lugares. De facer clic nunha pequena rúa de Teis, case a beira da AP-9, o punto cambia a verde. Primeiro acerto. Esas casas recibían o nome dun terreo que era coñecido como O Cu da Veiga, segundo recolle Iván Sestay, a persoa que o rexistrou na aplicación. Este é un dos 11.953 topónimos que hai recollidos en Vigo en Galicia Nomeada. É o concello galego con máis nomes rexistrados e na aplicación, sobre un mapa en satélite, a cidade de hoxe mestúrase cunha chea de topónimos que desapareceron co formigón.
Sobre o centro do campo do estadio de Balaídos, Iván Sestay rexistra A Granxa de Montenegro, un nome que lembra a aquela zona agraria con fincas regadas polo río Lagares, que antes era «Sárdoma», lembra o director do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas. O nome da parroquia na que naceu a súa nai é un topónimo ao que lle garda moito cariño. «Significa río grande e ten unha orixe celta previa á chegada do Imperio Romano e o latín», indica. De feito, en Cabral, onde nace o Lagares, hai un lugar que se coñece como Sardomela, o que vén a ser o diminutivo do río grande que vertebrou e deu forma ao Val do Fragoso.
«A toponimia pode ser o mellor libro de historia, de saber analizala ben», indica Costas. «Nela podemos atopar información sobre as culturas que pasaron polo territorio ou sobre negocios, plantas, animais ou persoas que habitaron o lugar. É unha información do máis completa», destaca. Por exemplo, no cruce entre a Gran Vía e a rúa Tarragona había un lugar coñecido como Pousafoles. «Alí había unhas escaleiras que daban paso ao Camiño do Regueiro (hoxe rúa Tarragona) á Baixada ao Castaño. Na parte baixa das escaleiras existía un banco corrido en dous arcos de noventa graos, que daba nome ao lugar», escribe Sestay. O nome ten relación coa presenza de muíños no entorno do río Lagares e cos cargos en sacos que se carretaban.
O mapa de topónimos de Vigo tamén permite navegar por a todos eses topónimos que desapareceron «porque os lugares recibiron outro nome e, tamén, porque a perda de zonas rurais e de oficios tradicionais romperon a relación directa co territorio», indica Costas, que lembra que cando traballaron a recollida da toponimia de Zamáns soamente os máis maiores, os que pasaran a vida no Galiñeiro, lembraban os antigos nomes que tiña o monte.
Hai moitos exemplos. O que hoxe é a praza da Miñoca era A Pantoxa ou o que se coñece como Colina de Castrelos foi sempre O Piricoto. En Bouzas tamén marcharon cos recheos un bo número de denominacións que daban sentido á costa de Vigo como O Golfeiro de Bouzas ou A Poza do Lago da Restinga.
Aínda que en Vigo «hai moito interese pola toponimia, na Universidade e no Concello levamos vinte anos traballando na súa recollida, hai que facer máis esforzo para protexela e gardala», insiste Costas. Opina que se debe ter en conta como se chamou un lugar sempre cando se inaugura unha praza ou renomean unha rúa. Pon o exemplo da praza Miguel Ángel Blanco fronte á Cidade da Xustiza: «Ese lugar sempre foi A Devesa do Couto de San Honorato. Deberían facer a homenaxe e gardar o nome», conclúe.