Cuqui Piñeiro: «Levo 34 anos fundindo o bronce e ségueme parecendo algo máxico»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

Fixo do taller rudimentario do seu pai unha empresa de referencia para escultores de España e Portugal empregando a técnica ancestral da cera fundida. «Peza nova, problema novo»

08 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para min son as miñas pezas, incluso despois de colocadas». Cuqui Piñeiro (Tomiño, 1960) pode repasar de memoria as principais esculturas que locen en espazos públicos de Galicia e Portugal. Moitas delas construíunas e rematounas coas súas propias mans na Fundición Arte Bronce, en Goián, que puxo en marcha no seu municipio no ano 1991. Filla do artista Xoan Piñeiro, medrou entre escultores, pero foi ela quen converteu o taller rudimentario do pai nunha empresa que recibe encargos de toda España e Portugal. Dirixe a única fundición de Galicia capaz de crear pezas monumentais en bronce ou aluminio.

A escultura de Domingo Villar na Alameda de Vigo, deseñada por Pedro Dobao, é obra de Piñeiro e o seu equipo. Tamén as pezas de Francisco Leiro que acaba de rematar no seu estudio e que están recen saídas do forno. Recorda especialmente complexa unha figura de Leonel Moura, adicada a Umberto Delgado e ubicada en S. João da Madeira, Portugal, cunhas letras inferiores que mudan segundo se miren por diante ou por detrás. A lista é infinita, como tamén o son as veces que tivo que reivindicarse como propietaria da fundición e muller que traballa o metal fronte a quen quixo relegala.

No creativo, Piñeiro ten conseguido que ducias de artistas consagrados lle confíen os seus deseños. Ela converte os debuxos ou maquetas en pezas de gran tamaño, peso e envergadura. «Cando confían moito na fundición e cando estás moi acostumada a traballar cos artistas, e sabes un pouco as súas peculiaridades, delegan en ti todo o traballo». Confesa que algúns autores ven a obra a tamaño real por primeira vez cando se vai colocar. 

Aumento do vandalismo na arte

Esta experta tamén repara esculturas, unha tarefa que vai a máis nos últimos anos polo aumento de vandalismo. Enfundada na roupa de traballo ten soldado o dedo de Manuel de Castro na rúa Príncipe, in situ. Recomendou retirar o xornal e deixar a peza solo coa silueta do personaxe vigués vendedor de prensa. «Cheguei a sentirme incómoda polas continuas reparacións. Agora está sen xornal e é igualmente unha figura emblemática». Os ataques contra as esculturas obrigan a reforzar, xa no proceso de fundición, os elementos anexos ás pezas como os lentes ou pendentes.

M.MORALEJO

Cuqui Piñeiro ten un perfil único, pola excepcionalidade do traballo e polo coñecemento de quen conviviu toda a vida coa creación escultórica. Estudou Arte Moderno na Universidade de Santiago e foi testemuño de como Xoan Piñeiro puxo en marcha o taller orixinal nos antigos viñedos familiares en Tomiño. Relata a obsesión do proxenitor por fundir en Galicia nos anos 60, tempos nos que os artistas tiñan que fabricar as pezas en Madrid. Piñeiro pai estaba obsesionado con traballar as súas propias esculturas e acompañouse de profesionais que colaboraban na tarefa. O escultor morreu no ano 1980, pero Piñeiro filla quixo aproveitar ese saber ancestral e decidiu profesionalizar o proceso en 1991.

A fundición a cera perdida naceu tres mil anos antes de Cristo en Mesopotamia e, no básico, segue a ser a técnica que emprega en Arte Bronce: Faise un molde en xeso ou silicona que rexistra a peza orixinal. Esta serve para reproducir unha copia en cera. Con esa cera e conexións de alimentación faise un segundo molde en negativo en material refractario. Unha vez derretida a cera, serve de molde para verter o metal a 1.200 graos e reproducir en bronce a peza definitiva. «Levo 34 anos fundindo en bronce e ségueme parecendo algo máxico. No último proceso, ata que o ves acabado, non sabes como quedou».

A aposta desta artista, que tamén ten obra propia como a peza Muller con galiñas que luce na entrada da Praza de Abastos de Pontevedra, foi sempre que Galicia contara cunha fundición para os artistas da terra. Por desgraza, non é raro que Administracións públicas galegas acaben encargando pezas fora da comunidade autónoma. «Galicia non é dos lugares onde me fan máis encargos públicos. Traballo moito para Portugal». É unha tarefa artesá aínda que profesionalizada. «A maquinaria é un soporte, pero a manipulación da peza é humana». Cada novo encargo é un desafío porque a arte non ten límites, pero as leis da física, si. «Peza nova, problema novo», confesa. Por moito que ela coñeza como reacciona o bronce, a natureza desta aleación é a que manda.

Molesta coas Administracións que moven sen criterio as esculturas concebidas para espazos públicos concretos, ela é fiel á súa terra. Precisamente a ubicación do taller en Tomiño serve de catalizador para que outros artistas residan neste concello. En Tomiño seguirá ata que se xubile, fundindo. «Meu fillo adora a arte, pero para dar futuro á empresa eu confío moito nos profesionais que traballan comigo». Ademais de modelar esculturas, tamén organiza exposicións nos xardíns do taller e é secretaria da Fundación Xoan Piñeiro. «A arte forma parte da vida», defende.

A súa canción favorita

«Veña máis cinco», de José Afonso. «Os goianenses vivimos nun lugar onde non existe fronteira con Portugal. Somos os miñotos, dunha e outra beira do Miño. Eu non diferencio entre estar en Galicia ou no país veciño, para min é o mesmo territorio e eu tamén traballo moito para Portugal».