Cynthia Menéndez: «Os vigueses somos como o Vigo industrial, caótico e poético, non como o turístico»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

Thomas Harris

A autora e libreira presenta a novela «Son coma glaciares os barcos de aceiro»

13 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cynthia Menéndez (Vigo, 1993) medrou no barrio de O Calvario e aínda que non viviu en primeira persoa os anos máis convulsos da loita obreira viguesa, esa imaxe da cidade deixoulle marca. Menéndez, que é poeta e libreira, debuta na novela con Son coma glaciares os barcos de aceiro. A obra publicada na colección Literaria Ronsel de Editorial

Galaxia presentase hoxe nun acto que se celebrará no asteleiro Cardama.

—Desde os tempos de Julio Verne, Vigo aparece en novelas de misterio, crimes, amor, literatura fantástica... O de a loita obrera era de documentais, na ficción é novo.

—Non é tan novo, pero a novela é literatura obreira. É un xénero que en Galicia, en España, non está moi explotado. Eu quería meterme un pouco aí, porque quería falar das cidades industriais, en concreto de Vigo porque é a mina cidade, pero quería facer un retrato de como funcionaba, neste caso, o sector naval. E quería rescatar un momento histórico de Vigo, que son as folgas e as manifestacións. Está centrada a finais dos 90, na privatización dun estaleiro.

—Inspirada nun caso concreto?

—Inspirada nestes feitos que son reais, en como os obreiros loitaron contra a privatización, en como, por exemplo, ateigaban as rúas de Vigo, todos cos seus monos azuis. Esta imaxe estética da novela é a inspiración. E tamén quería falar da derrota, porque finalmente privatizouse. Quería rescatar ese episodio, darlle un pouco de beleza e de luz ao triste da derrota.

—Vostede non o viviu, era moi pequena, non?

—Eu non me acordo deses acontecementos máis alá do que me contaron, entrevistei a xente e tirei da hemeroteca dos xornais. Pero teño no meu imaxinario a Vigo como unha cidade industrial de revolta, de revolución, destes traballadores que pasaban por Beiramar cos monos azuis cando saían a comer. Todas esas imaxes que eu tiña súper metidas, quixen recuperalas porque creo que agora mesmo temos un Vigo que non se parece tanto, que virou moito máis para un modelo turístico.

—Cre que se perdeu moito?

—Si. Quería recuperar a historia industrial porque creo que está moi afastada para moita xente da miña xeración. E outra cousa que tiña como obxectivo era retratar o carácter de Vigo como un ente. Creo que Vigo é industrial, é combativo, loitador, é nostálxico, é poético e moi caótico, e quería utilizar todas estas cousas para falar de como somos a xente de Vigo. Somos así, como o Vigo industrial, non como o turístico. Na novela se pode ver que os de Chapela xa teñen outro carácter. O carácter da xente é distinto porque os lugares tamén son distintos. A arquitectura, as ciudades, as vilas, cambian á xente.

—Cales forton os seus referentes?

—Na literatura inglesa e italiana practican moito máis este xénero da literatura obreira. En Galicia teño referentes como Ferrín publicou unha novela que se podería considerar narrativa obreira, ou Chirbes, en España. Pero o meu é un híbrido, unha novela moi atravesada pola poesía e moi inspirada, por exemplo, na literatura obreira italiana de Prunetti, que fala da clase traballadora e a conciencia de clase.

—Escribe e traballa nunha libreiría. ¡É perfecto!

—Traballo na librería Paz de Pontevedra dende hai seis anos e pico e me adico a ler, a escribir, a viaxar e a traballar rodeada de libros. É un traballo que me gusta moitísimo, que podo dicir?

—Pois que ten moita sorte, por exemplo

—Eu intento reivindicar e gústame moito pensar, que os escritores lemos moito para poder escribir.