
A programación do Concello abarca dende o luns ata o sábado
10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello presentou onte o programa Vigo nas Letras, unha iniciativa cultural con cinco eventos que terán lugar na Porta do Sol, a praza do Rei e o Museo Marco entre o luns 12 e o sábado 17 de maio. O alcalde Abel Caballero, xunto á concelleira de Normalización Lingüística, Olga Alonso, e persoeiros do ámbito musical e literario como Xaquín Xesteira, Francisco Castro e Federico Welicki, anunciou que a programación polo Día das Letras Galegas deste ano estará centrada na música tradicional galega e a poesía, con actuacións protagonizadas polo alumnado da Escola Municipal de Música Tradicional e a Escola de Danza e Percusión Tradicional.
O evento incluirá tres concertos da Escola de Música Tradicional (Etrad), unha actuación da Escola de Danza e Percusión Tradicional, e o espectáculo poético-musical Cantigaéverso, a cargo de Castro & Welicki.
A celebración pon o foco na poesía de transmisión oral, resaltando a importancia da música e a danza como parte do patrimonio cultural galego. Segundo Xaquín Xesteira, director da Etrad, a escola xoga un papel clave na difusión desta tradición: «Estamos encantados de mostrar o noso traballo e divulgar a cultura popular de Galicia».
O luns 12 de maio, ás 19.00 horas, o Marco acollerá un aula de canto popular, outra de arpa céltica e una terceira de acordeón, ademais dun conxunto medio e outro básico.
O martes 13, no mesmo lugar e á mesma hora, haberá un aula de canto popular e a Etrad Zanfona Ensemble. O mércores 14 chegarán catro aulas máis (unha de canto popular coa colaboración do alumnado de baile tradicional da Asociación Cultural Traspés, unha aberta de coro, outra de pandeireteiras e unha de corda frotada), ademais dun sincopés.
O venres 16 a mediodía, a praza do Rei acollerá unha actuación da Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional. O sábado 17, también ás 12.00 horas, na Porta do Sol poderase desfrutar espectáculo poético-musical Cantigaéverso.
Caballero subliñou a importancia desta iniciativa para manter viva a cultura galega: «Queremos prolongar o Día das Letras Galegas máis aló do 17 de maio, fomentando a música, a danza e a poesía autóctona para que Vigo siga avanzando coa súa identidade».
O BNG cargou, pola súa banda, contra unha programación «minúscula» e «ridícula», moi por debaixo de outras cidades galegas. O grupo municipal nacionalista considera, inclusive, que é máis pobre que as das asociacións veciñais da cidade. «Temos que galeguizar Vigo», dixo o concelleiro Xabier Pérez Igrexas.