Militantes do libro nos nosos barrios

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

A librería Mendinho é un referente da literatura xeneralista e a creación en galego no vecindario vigués de Coia

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A librería Mendinho é unha illa. Unha illa na que o tesouro non está agochado nun baúl, senón á vista de todo mundo nos estantes para ser folleados, para absorberse e ser desfrutados. Fará pronto un cuarto de siglo que no barrio vigués de Coia brotou, contra todo prognóstico, a tenda que era a ilusión dos seus tres socios: Mar Fernández, Arxi Blanco e Matilde Pérez. Puxéronlle de nome Mendinho, como o trovador medieval que situou na illa de San Simón a historia da Cantiga de amigo que se conserva.

Os libreiros vigueses xa pasaran cadanseu unha historia previa en relación con outros establecementos do ramo. «En realidade empezamos hai 27 anos neste sector porque no 1995 montamos Mar e máis eu unha librería pequeniña no barrio de Navia. Despois pasamos por outras como empregados, Mar estivo un tempo na librería Gran Vía e eu pasei dous anos na Cervantes». Sobre esta mítica librería de Vigo, conta que «traballaba en distribucións Arnoia, que foi quen comprou Cervantes cando se fixo a remodelación e se volveu a reinaugurar Cervantes, e estiven alí un par de anos. Foi unha experiencia bonita tamén», afirma.

E logo regresaron como propietarios e montaron a súa no 2003. «Foron tempos bastante bos nos comezos; de feito, no 2007 montamos outra librería universitaria baixo o nome de Martín Códax no campus de Vigo porque afortunadamente se vendían libros de texto, o que servía como colchón económico para a librería e eses anos, ata o 2010 aproximadamente, foron de crecemento. Non digo excelentes porque no sector do libro, nun negocio pequeno, é complicado chegar a usar ese adxectivo, pero evidentemente estabamos a crecer e iso xa era un logro», explica o profesional que, botando contas, lembra que chegaron a ser necesarias cinco persoas para atender os dous negocios.

Pero o idilio co libro de texto durou pouco, «e outras moitas cousas foron minguando este sector». Aquela tenda na universidade pechou, pero teñen un bo recordo da etapa: «Foi unha experiencia estupenda para nós, a propia universidade comprábanos material, pero xurdiu unha nova lei. O noso maior inimigo sempre foi a Administración, primeiro coa eliminación do libro de texto e despois coa lei dos 15.000 mil euros por CIF de compras, que fixo que a universidade nos deixase de comprar, e a iso tamén se lle sumou que o alumnado xa non compraba libros como nos primeiros tempos».

A querencia pola literatura galega faise evidente poñendo o foco no nome de sendos establecementos, pero en Mendinho «trabállase un pouco de todo, fundamentalmente narrativa e ensaio, pero é unha librería para un abano amplo de lectores: adulto, xuvenil, infantil, libro de peto...». En canto ao idioma recoñecen que teñen especial agarimo polo libro galego, «pero non podes vivir só de vender obra en galego porque desgraciadamente, o mercado en galego é unha parte pequena da venda de libros e non poderíamos dedicarnos a este traballo. Outra cousa é que o tratamos o mellor que podemos e que teñamos especial debilidade por el», recoñece.

Os responsables de Mendinho adoitan estar presentes nas citas sociais do sector. Por exemplo, na Feira do Libro de Vigo, que deixaran un tempo pero retomaron o ano pasado, e á que voltarán acudir na próxima edición que terá lugar en xullo nos xardíns da Alameda.

Tamén fixeron moitas actividades no seu local nos primeiros anos, «pero logo o abandonamos porque non temos espazo suficiente para facer ese tipo de actividades e tiñamos que andar movendo toda a librería», recoñece. Si acuden a moitas presentacións de libros. «Onde nos chaman as editoriais, imos, non hai ningún problema, pero aquí non podemos», insiste. A última cita aínda é recente, estiveron o sábado pasado no centro veciñal de San Miguel de Oia na presentación da novela de Álex Alonso, O teito é de pedra.

 

Sen redes

O que non lles gusta nada son as redes sociais. Non hai rastro deles nese universo. «Entendo que podemos estar equivocados porque hoxe en día todo camiña por aí, pero ideoloxicamente non comungamos con esa forma de vender. Preferimos que a xente vaia ás librerías e que toque os libros. Non sei, defendemos outro tipo de negocio, é a nosa idea. Así imos funcionando e en principio non hai previsión de cambiar», sinala o libreiro vigués, que ten claro que se chegan a abrir algún día outro establecemento, levará por nome o de outra figura da poesía medieval galaicoportuguesa.

Desde 2003

Onde está

Avenida de Castelao, 7. Vigo