Luis Domínguez: «Na Reconquista hai moito do viguismo que nace en 1810»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O catedrático de Historia participa hoxe nunha mesa redonda sobre a formación das tradicións organizada pola Real Academia Galega

11 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A sección de historia da Real Academia Galega organiza hoxe, ás 17.30 horas na Casa Galega da Cultura, unha mesa redonda sobre a invención da tradición. O xornalista e divulgador Manuel Gago aborda o caso da Romaría Vikinga de Catoira, e o catedrático de Historia da Universidade de Vigo, Luis Domínguez, falará da Reconquista, unha festa que ten as súas orixes en 1810 e que foi evolucionando cos anos.

—Cal é a idea do seu relatorio?

—Ver que na Festa da Reconquista conflúen orientacións ou tradicións diferentes. Hoxe, un sector da poboación non relaciona a procesión do Cristo da Vitoria coa Festa da Reconquista. Así que un primeiro elemento é ver como esta festa tivo na súa orixe unha clara razón cívico-relixiosa de agradecemento ao Cristo da Vitoria, pero, ao longo dos anos, foi cambiando de datas ata os nosos días. Mesmo cando se inicia esa fase de dramatización, a partir de 1997, había unha visita á colexiata e ao Cristo que se perdeu, e xa é unha festa exclusivamente cívica. Na celebración hai moito do viguismo que nace de 1810, cando o acontecemento lle confire o título de cidade.

—Pero, houbo moitos cambios?

—Esa tradición cívico-relixiosa, en función das ideoloxías de cada quen, evidentemente foi variando, pero tamén hai algunhas cuestións contraditorias nese tempo. Por exemplo, en 1996 cando se lle outorga ao director da factoría de Citroën a medalla de ouro da cidade o día da Reconquista de Vigo. Xa nos primeiros carteis das actuais festas houbo un intento de certa confraternidade entre vigueses e franceses.

—E os heroes tamén cambian?

—Si, na placa do centenario da Reconquista non hai nomes dos heroes, pero no monumento de 1947 si aparecen, incluso se engade ao portugués Almeida. Xa no monumento do Bicentenario incorpóranse os nomes das parroquias como representación popular, e tamén aparece a oliveira, un elemento de relevo. Cando en 1932 se trasladan a Pereiró os restos de Cachamuíña, que é cando se lle pon a verxa á oliveira, a procesión cívica ía dende a Gamboa á oliveira.

—Entón, foi gañando protagonismo a sociedade civil?

—Si. Por exemplo, durante o centenario hai una sociedade popular viguesa que crea unha medalla que chega a institucionalizarse por real decreto. Durante o período republicano seguiulle o Centro de Hijos de Vigo, que se transforma no gran promotor e, nos tempos actuais, está a asociación do Casco Vello como dinamizadora da festa.

—Ese papel civil é o que consolida a tradición?

—Depende das épocas. En 1810, hai un claro predominio institucional porque é o Concello quen impulsa a festa co apoio da Igrexa. Xa na Restauración, o Goberno transforma en festa nacional o 2 de maio, que en Vigo ten como feito similar a Reconquista. É a partir do Centenario cando unha serie de asociacións civís manteñen a celebración. Non hai que esquecer que a actual festa nace dun proxecto financiado pola Unión Europea, o Plan Urban, a finais dos anos noventa. Nos primeiros carteis da festa está ese logo e a propia bandeira europea.

—O fondo histórico foise adaptando ao que quere a festa?

—Si, os protagonistas non son sempre os mesmos. Dende o abade de Valadares e Pablo Morillo pasa a Cachamuíña ou Carolo. Logo entran os portugueses e, especialmente, os ingleses nos últimos tempos. A festa lle dá protagonismo a estes outros protagonistas corais.