Maribel e Gonzalo festexaron onte con música e literatura o aniversario do seu local do Cruce dos Choróns
18 jul 2025 . Actualizado a las 14:09 h.Maribel Tato e Gonzalo Pérez viviron onte o clímax da novela que escriben na súa libraría Cartabón. Baixo o seu sorriso agochan unha desas grandes historias que se atopan nos libros. Eles non o din, pero cando falan da súa libraría Cartabón están a narrar moitos xéneros á vez. Ten un ritmo de historia de aventuras, desa viaxe do heroe que comeza, sempre, con dificultades. «Moitos anos traballamos para sobrevivir e pagar os créditos», lembra Maribel. Botar a andar os seus estantes de libros fixo que se tiveran que endebedar e esforzarse horas e horas en sacar adiante o soño que naceu nese pequeno local do Cruce dos Choróns en Vigo un 24 de xullo de 1985. «Parece que foi onte cando abrimos», di, Maribel, algo abraiada. Leva máis de media vida vivindo entre autores e lectores. «No día a día nin pensas que levas tanto, pero botando a vista atrás dáste conta que xeracións e xeracións de veciños pasaron e pasan por aquí», engade.
Onte recibiron o premio a tantos anos de esforzo nunha festa na que clientes, amigos e escritores devolvéronlle todo o cariño que foron recollendo nestes anos. Celebrárono cun concerto no pub Radar, pero a festa de Cartabón tamén se viviu nas rúas da cidade con pasarúas e moitas ganas de celebrar o legado da libraría.
A novela da libraría de Cartabón, como todas as grandes historias, tamén ten moito de amor. Gonzalo naceu en Cartelle (Ourense) nun fogar no que non había grandes estantes de libros. Descubriunos na escola rural á que ía e, aínda que non tiñan «moita cousa», namorou dos mundos que descubría neles. Foi facéndose maior ao carón das novelas e o desexo de ser libreiro permaneceu sempre. Viu para Vigo e a vida xuntouno con Maribel. Ela traballaba de enfermeira, pero ao namorar de Gonzalo tamén quedou co seu soño. Saltou cara adiante. Deixou o traballo e aproveitaron un local baleiro que tiñan os seus pais para crear Cartabón, o nome non é casual, ao principio estaban especializados en papelería, pero pouco a pouco foron adaptando todo ao que máis lles gustaba: a literatura.
Hoxe, Cartabón é un lugar de referencia para escritores e editoriais en galego. A aposta pola lingua fan da súa libraría o lugar común dos narradores de toda Galicia. O 80 % das súas vendas son en galego e «estamos moi orgullosos de estar na periferia», contan cun sorriso. Dalgunha maneira fixeron das marxes o seu selo de identidade. Son e sempre foron unha libraría de barrio que saltou as fronteiras físicas da cidade. Nos seus 40 anos acumulan moitos premios e o recoñecemento dunha chea de escritores que compartiron en Cartabón as súas ilusións literarias con Gonzalo e Maribel.
En 40 anos tamén cambiou moito o oficio de libreira. Maribel lembra aqueles inicios nos que facía fichas de cada obra e sabía todos os prezos de memoria. Os número volven con imaxes de novelas. «Un libro de 1.700 páxinas son 1.530 pesetas», lembra. Hoxe xa non ten que facer cálculos mentais, nin deseñar as descricións das obras a man. Todo está informatizado. «Terán todas as vantaxes que queiras, pero atrofian un montón. Todo é máis robótico», insiste. Adaptarse ás tecnoloxías foi complicado, pero o que máis horas de preocupación da é o «terrorismo administrativo». Para dúas persoas que levan 40 anos nun oficio custa moito adaptarse aos cambios e a atención dixital. «Nós porque temos a nosa filla axudándonos, doutra, ao mellor, xa tiñamos que pechar». Todas as horas que botan facendo unha factura electrónica ou renovando o certificado dixital son tempo que perden para ler libros e falar cos lectores, «que é o máis bonito deste oficio».