Adeus ao veciño de Panxón que fixo do mar a súa vida

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez NIGRÁN / LA VOZ

VIGO

Juan Sanromán
Juan Sanromán

Juan Sanromán sobreviviu a dous naufraxios nunha marea que iniciou de mozo en Nigrán

30 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nigrán despediu onte a un dos seus mariñeiros de sempre, Juan Sanromán, un home que botou toda unha vida de marea en marea. A marcha do veciño de Panxón, do barrio da Porqueira, doeu moito na asociación veciños Monteferro de Panxón. «En 2018 fixémoslle unha homenaxe polas festas de San Xoán. Era unha persoa moi boa e moi querida», explica Auri Brión.

Juan foi o fillo dunha familia humilde de dez irmáns de Sancho. Como moitos outros, tivo que ir ao mar de moi novo para buscar o pan. A súa irmá lembra que debía ter oito ou nove anos a primeira vez que embarcou. Pasados uns anos marchou traballar ao sur de España. Alí pasou unha tempo faenando e no océano Atlántico viviu o bonito e o malo do mar. Lembraba en 2018 como vivira embarcado o terremoto de Agadir, que deixou en Marrocos entre 12.000 e 15.000 vítimas.

Sanromán tamén sobreviviu a dous naufraxios. Un deles foi no Gran Sol, onde pasou unha boa parte da súa carreira. Dicía sempre que o protexera a Raíña dos Mares, a forma na que en Panxón coñecen a Virxe do Carme. O día que foi homenaxeado coincidiu coa misa á santa. A súa carreira rematou na pesca de baixura, volvendo a Panxón. Juan tivo dúas fillas, cinco netos e dous bisnetos.

«Eu teño varias anécdota con el. Cando o Concello cedeunos aquí o edificio da Porqueira para nosa sede. Viñamos moito tempo aquí a arranxalo e, coma el vivía cerca, sempre viña a ofrecernos cousas de comer e de beber. Sempre se prestaba para todo», continúa Auri, que lembra que o alcume da súa familia era a dos Pinotes. A familia Sanromán era moi coñecida en todo Panxón. A súa avoa era unha muller lida e os veciños ían a casa materna para que lles lera cartas ou a prensa. Outro das lembranzas que quedaron con Sanromán toda a vida.

Este martes morreu por un accidente na súa finca. A directiva da asociación de veciños de Monteferro de Panxón tamén traslada as súas condolencias a súa familia e agradece o esforzo que Sanromán deu á parroquia. A familia lembra que se pode dar o último adeus no Tanatorio do Miñor esta mañá. O enterro será no Templo Votivo do Mar de Panxón a partir das 18.00 horas.