A coruñesa Mariña Pérez e a madrileña Ángela Álvarez, Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza en galego e castelán

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Mariña Pérez Rei, escritora de Ames
Mariña Pérez Rei, escritora de Ames martin lagoa

Mercedes Peón recollerá o recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía no acto que se celebrará o 24 de outubro no Museo do Mar de Vigo

17 oct 2025 . Actualizado a las 20:07 h.

A galega de Ames (A Coruña) Mariña Pérez, e a madrileña Ángela Álvarez son as gañadoras da segunda edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nas  modalidades de galego e castelán, respectivamente, ao que se presentaron máis de mil  traballos de Galicia (120), do resto de España (488) e unha importantísima representación  internacional (403), destacando principalmente os procedentes de países  hispanoamericanos. Os premios teñen unha dotación de 6.000 euros cada un e os  galardoados recibirán unha figura de Oroza realizada en bronce pola artista Cuqui Piñeiro

A  lectura do fallo dos xurados tivo lugar hoxe no local da Asociación  Évame Oroza en Vigo, coa participación do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada  da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidente da Deputación Provincial de  Pontevedra, Luisa Sánchez, e o presidente da asociación Évame Oroza, Xabier Romero. 

 O presidente de Évame Oroza ademais de dar as grazas a Xunta de Galicia e Deputación  Provincial de Pontevedra polo seu apoio ao premio «xa que permite que sexa unha realidade», referiuse a gran participación recibida, superando tamén nesta segunda  edición os 1.000 poemarios. Romero destacou a presentación de 403 traballos dende fóra de España, «o cal demostra que este premio ten un claro carácter  internacional con 20 países de Latino América, destacando Arxentina, México ou Chile,  entre eles polo número de participantes». Pola súa banda, o director xeral de Cultural, Anxo Lorenzo, tamén agradeceu o traballo da asociación Évame Oroza, porque «non é so a casa de Carlos Oroza, senón unha casa da cultura,  que, dende o Casco Vello de Vigo, funciona como un foco de irradiación de cultura», mentres Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación, dixo que 1011 poemarios presentados «»é sinal de que a poesía  está viva e é unha magnífica homenaxe a Carlos Oroza. É un recoñecemento a ese poeta  indómito e libre, cunha poesía chea de paixón». 

 

O poemario Unha aria no asedio, de Mariña Pérez Rei, foi a obra elixida por  unanimidade polo xurado da modalidade de galego, composto por Silvia Penas, Patricia  Meira e Samuel Merino. Na acta, o xurado valora que «é un poemario cun código poético  traballado e certeiro, que propón un transunto entre a arte, a lingua, a música e a vida  mesma. Rico en imaxes e cun ritmo engaiolante que tensa o fío do principio ao fin coma  unha arpa ben afinada que deixase múltiples notas para tocar cada milímetro do cosmos». Mariña Pérez Rei é docente e escritora amesá, con unha traxectoria que transita entre a  poesía, a narrativa breve e a colaboración xornalística. En 2005 recibe o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón polo poemario Fanerógama, e un  ano despois o Premio Manuel Lueiro Rey coa novela curta Canícula. Entre os seus títulos  poéticos figuran tamén Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante (edición  artesanal) e Paquidermo.  

 Co libro Costa necrópole acada o Premio Antón Avilés de Taramancos, e participa nas  antoloxías poéticas da corrente Sentimentalista. Publica, ademais, a novela Contrapicados  e o poemario Boca de gárgola (autoedición).  

 Nos últimos anos deu ao prelo unha nova achega poética, Mallantes, e colaborou co  Colectivo Maiakovski na edición do longo poema Intimidación. En 2023, con  Finximentos, obtivo o Premio de Narración Curta Ánxel Fole, consolidando unha voz  singular dentro da literatura galega contemporánea.  

Modalidade de castelán  

A obra Notas de Cereté, de Ángela Álvarez Sáez, foi elixida como gañadora do Premio  Carlos Oroza na modalidade de castelán. O xurado, formado por Manuel Bragado,  Rexina Vega e María Xosé Porteiro, destacou da obra que «baixo a forma de diario, unha  voz feminina indaga no suxeito poético contemporáneo, e dende unha perspectiva de  muller explora a relación entre corpo e literatura». Destacan tamén a unidade e  vertebración do proxecto, cunha estrutura sólida e ao mesmo tempo variada, flexible e  sorprendente.  Ángela Álvarez Sáez (Madrid, 1981) é licenciada en Dereito e avogada. No ano 2005  formou parte da Fundación Antonio Gala para Jóvenes Creadores, onde obtivo unha  bolsa de creación literaria. 

É autora de quince poemarios, seis deles galardoados en certames internacionais, entre  os que destacan La torre de las tortugas (Premio Antonio Carvajal, 2006), La estación  de las Moras (Premio Carmen Conde, 2017), Libro de la nieve (Premio María del  Villar, 2017), Palabra vegetal (Premio Blas de Otero?Villa de Bilbao, 2018), La casa  salvaje (Premio León Felipe, 2019) ou Canción de cuna (Premio Universidad de Alcalá,  2023). En 2022 publicou o seu primeiro libro en prosa, Los bosques violentos (Las  migas también son pan), e ten prevista para 2025 a saída de Ahora somos bosque (Balduque).    

Mellor iniciativa musical   

No transcurso do acto tamén se anunciou o «Recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía» que nesta segunda edición foi concedida a  Mercedes Peón pola súa traxectoria musical e creadora, polo seu labor como  compiladora e transmisora do legado das mulleres anónimas que mantiveron vivo o  canto, a música e o baile en Galicia. 

Destaca tamén pola súa brillante carreira como compositora e intérprete, marcada por  un espírito innovador que soubo conectar a tradición coa contemporaneidade,  explorando novos camiños sonoros e expresivos dende unha clave profundamente  persoal, comprometida coa sociedade e co feminismo. 

O premio non ten dotación económica e consiste nunha peza realizada ex professo polo  artista Xabier Magalhães, así como unha figura de Oroza feita en bronce pola artista  Cuqui Piñeiro. 

O venres 24 de outubro (20.00 horas) celebrarase, no Museo do Mar de Vigo, a gala de entrega  do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, na que o dúo Cintaadhesiva (Silvia  Penas e Jesús Andrés Tejada) porá a nota musical nun evento cheo de poesía e arte. A  entrada é libre ata encher o aforo.