A Editorial Galaxia recibe a medalla de ouro da Universidade de Vigo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

É a quinta entregada pola institución académica e a última, no 2006, lle fora concedida á Fundación Barrié de la Maza

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Editorial Galaxia recibiu onte a medalla de ouro da Universidade Vigo, o máximo recoñecemento outorgado pola institución académica. Fíxoo nun acto celebrado no paraninfo do edificio Ernestina Otero, presidido polo reitor, Manuel Reigosa, e ao que asistiron numerosos representantes, tanto da propia comunidade universitaria, como do panorama cultural e político galego, entre eles o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

En nome da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa realizou a entrega da medalla de ouro e o diploma acreditativo ao actual presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión, quen fora máximo responsable dos servizos xurídicos da institución académica viguesa e integrante do primeiro equipo de goberno, liderado por Luis Espada, quen tamén acudiu ao acto.

En plena celebración do 75 aniversario da editorial, o seu máximo responsable afirmou que a maior compensación de Galaxia «é o convencemento de que contribuímos decisivamente ao rexurdimento da nosa cultura na segunda metade do século XX ata a actualidade, ao rexurdimento da nosa conciencia de pobo con personalidade propia».

Tras lembrar que Galaxia non foi allea á propia creación da Universidade de Vigo, «con quen dende o inicio mantivo unha relación de recoñecemento mutuo», destacando nesta liña o nomeamento como doutores honoris causa a dous dos seus fundadores, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, Antón Vidal fixo un breve percorrido polos 75 anos de historia da editorial, desde a ilusión épica dos que axudaron a fundala en plena ditadura franquista ata actualidade, «tempos ben complicados para a lingua» nos que a loita pola defensa do galego segue sendo vital.

A laudatio de Galaxia correu a cargo de Xosé Manuel Dasilva, catedrático do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e «galaxiano por devoción», como el mesmo se recoñecía ao inicio da súa intervención na que destacou o compromiso cultural e civil da empresa editora.

Unha vez rematadas as intervencións, o acto, amenizado musicalmente pola cantante e compositora viguesa Su Garrido, tivo lugar a sinatura do presidente da Editorial Galaxia no libro de honra da Universidade de Vigo e a entoación do himno galego.

A medalla de ouro á Editorial Galaxia é a quinta entregada pola institución académica viguesa, quen non celebraba ningún acto deste tipo desde marzo de 2006, cando, coincidindo co 30 aniversario da Escola de Enxeñería Industrial -daquela Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais-, lle fora concedida á Fundación Barrié de la Maza, quen axudara a impulsar e financiar este centro.