Coa mente sempre posta no balonmán

M. V. F. VIGO / LA VOZ

VIGO

Xurxo Rivas, no pavillón do Porriño, un dos lugares onde desenvolve a súa actividade deportiva.
Xurxo Rivas, no pavillón do Porriño, un dos lugares onde desenvolve a súa actividade deportiva. M.MORALEJO

A afección por este deporte veulle de familia e actualmente, Xurxo Rivas dedícalle a maior parte do seu tempo

22 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xurxo Rivas Lago (Vigo, 2001) comezou a xogar de neno a un deporte en torno ao cal actualmente xira en gran medida a súa vida: o balonmán. Segue sendo xogador, faceta na que comezou con cinco ou seis anos, e a maiores exercede preparador físico do equipo de División de Honra feminina do Porriño e de todos os conxuntos dun Novás que é onde xoga e onde tamén dirixe a un conxunto cadete. A súa mente está posta nesta disciplina de xeito case permanente.

Na súa familia había tradición balonmanística e el colleu a testemuña. «Xogaba meu pai, case todos os meus tíos e cando era cativo, xogaban os meus curmáns», introduce. Foi precisamente logo de ir ver un partido dun deses curmáns coa selección galega nun campionato de España no Ifevi cando pediu probar. «Fun mirar un par de partidos e volvín a casa dicindo que me encantara e pedindo aos meus pais que me anotasen ao día seguinte», lembra. Foi así como comezou no Seis do Nadal, onde estivo uns catorce anos, calcula, completando toda a etapa de base.

Cando comezou os seus estudos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, continuou no se club de sempre os primeiros anos, aínda que vivía en Pontevedra. O cambio de aires veu cando marchou de Erasmus e tampouco deixou de lado o balonmán. «Funme a Annecy e estiven xogando alí na primera categoría nacional francesa», relata. Engade que resultou un cambio importante, pero que o trataron «xenial». «Foi un curso complicado para o equipo, porque era o primeiro ano nesa liga e custou, pero a nivel de grupo, moi ben», valora.

Estudara francés no instituto e tiña certa base, pero a raíz de estar alí e convivir co idioma permanentemente, aprendeu moi rápido. Tanto foi así, que mesmo fixo alí as prácticas de adestrador con rapaces do mesmo club. «Sempre me interesara esa faceta e sempre quixen estudar algo relacionado co deporte. Pero a primeir atempada que exercín de técnico como tal foi xusto esa, en Francia», sinala. Era o terceiro ano e como alí só son tres, detalla, implicaba ter que facer as prácticas ese curso durante todo o ano. «Dentro da carreira, escollín a modalidade de rendemento de deportes colectivos», agrega.

Non nega que a lingua dificultou de inicio a tarefa. «Ao principio, foi o que máis me custou e precisaba algo de axuda para comunicarme ben, pero aos dous meses xa empecei a desenvolverme máis tranquilo», conta. Tocoulle un gran grupo, co que estivo moi a gusto, e á súa volta a casa xa tiña claro que quería seguir exercendo ese rol. «Ao ano seguinte fichei para xogar no Teucro e aproveitou para facer prácticas alí, na parte da preparación física. «Estaba daquela Milucho, que me axudou bastante, e ao ano seguinte xa collín unha categoría para adestrar todo o ano», detalla. E xa non se afastou dos bancos.

Por segundo ano, coordina a preparación física de todas as categorías dun Novás onde xoga no primeiro equipo e dirixe a un cadete. A novidade deste ano foi o Porriño, onde está encantado formando parte do corpo técnico de Isma Martínez. «Foi a través de César Armán, que foi o meu adestrador no Rosal a primeira parte da tempada pasada. Isma preguntoulle a el por algún preparador físico, deulle o meu nome, falamos, gustáronnos as nosas ideas e foi moi fácil», explica.

De Martínez di que é «un adestrador moi bo» co que está moi contento. E o feito de que o Porriño sexa un equipo de elite que adestra polas mañás facilita que poda compaxinar ambas entidades e as súas facetas. «Paso o día no pavillón, gústame moito tanto xogar como adestrar e a preparación física. Desfruto con todo», asegura. Ademais, aprecia «esa variabilidade, non estar todo o día facendo o mesmo», senón ter diferentes cometidos, algo que lle «axuda a levalo mellor».

As mañás son para o Porriño, onde se encarga de xeito específico do traballo de forza e está man a man co adestrador do equipo, Isma Martínez. Polas tardes, é a quenda do Rosal. «O principal é estruturar as liñas de traballo. Como xa estiven o ano pasado con eles, os rapaces saben o que quero cando lles mando o traballo, e documentos para que saiban o que teñen que facer» e a partir de aí, vai revisando. Ve fundamental que collan unha base de patróns de movementos para ir mellorando a forza e que collan o gusto ao traballo de ximnasio, sabendo da súa relevancia. «É importante que non o miren como un castigo, que lles acabe gustando, que saiban que prevén lesións», menciona como aspecto que considera relevante do seu traballo.

Pola súa banda, admite ter «bastante pouco tempo de lecer» e no que ten, tamén ve moito balonmán. Non é problema: «Cando podes traballar do que che gusta e gozar do que fas, non te importa e intentas coordinalo da mellor maneira», expón. De cara ao futuro non descarta preparar oposicións e dedicarse ao ensino logo de ter feito o máster de Educación ao rematar a carreira, pero por agora está encantado e tampouco ten plans de deixar de xogar a medio prazo. «Aínda teño idade e desfruto moitísimo. Mentres poida, quero seguir compaxinando», subliña. Di vivir «por e para o balonmán».