O municipio acolle hoxe ás 16.30 horas un Encontro de Danzas Tradicionais
27 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Óscar Troncoso lembra que un día, de neno, atopou nun caixón da casa unhas castañolas. Non sabía de onde saíran. Foi preguntar e a súa nai dixo que eran dos tempos nos que había ranchos de Reis. Non atopou moitas máis respostas. Esas danzas desapareceron en Salceda nos anos 60. Hoxe, con 48 anos, Óscar é un dos responsables da recuperación dos ranchos no municipio. Esta tarde participará xunto aos seus compañeiros da Asociación Cultural de A Feira no Encontro de Danzas Tradicionais que organizan ás 16.30 horas na praza do Concello, un evento co que queren «ensinar as nosas danzas históricas e poñer en valor esta tradición tan rica». As persoas que asistan ao encontro poderán ver oito danzas de diferentes entidades, entre elas, unha chegada de Miranda do Douro en Portugal.
Este encontro volverá a mostrar unha tradición que se mantiña agochada nos caixóns dos maiores de Salceda. Aparecía en forma de fotografías, obxectos, traxes e historias que ían desaparecendo cando marchaba unha persoa maior. No 2017, nunha exposición que organizaron na asociación A Feira, «ao secretario xeral de Cultura da Xunta (Anxo Lorenzo) chamoulle a atención as fotos dos ranchos de Reis e de Entroido e animounos a recuperalos», indica Óscar. El e outros compañeiros centráronse nesa tarefa e foron pesquisar cos maiores do barrio.
O primeiro co que falou Óscar foi seu pai. «Non se lembraba moito, pero foi dando datos que, xunto a outros, permitiron ir recuperando a danza», indica. Cando llo contou, «flipou». Non esperaba que ninguén quixera recuperar aqueles ranchos que bailara de mozo. Daquela, a mediados do século XX, só podían bailalos os rapaces solteiros que non tiveran máis de 21 anos. Unha vez compilada toda a información, Óscar e os seus compañeiros da asociación A Feira construíron os ranchos de Reis e de Entroido co axuda dun profesor de baile e da asociación Serán.
«O noso rancho de Reis ten elementos que o fan único», conta Óscar. No sur de Pontevedra e no Val do Tea hai outras danzas similares, pero na de Salceda o que destaca son os seus traxes. No rancho participan dous danzantes, que levan pantalón vermello curto e medias, un sombreiro de tres picos adornado con flores e plumas e un anel de ouro no pano dos, e unha dama, que vai cunha gran cantidade de xoias de ouro, que antes eran prestadas. O que fai máis singular aos traxes e a súa cor vermella, fronte ao branco de outros ranchos.
Na asociación teñen dúas teorías sobre a razón deste cambio de tonalidade. «A primeira di que se fixo para emular a loita de dous galos por quedar cunha galiña. De feito, o rancho comeza cos dous danzantes competindo e remata co gañador bailando coa dama», explica Óscar, que tamén aproveita para lembrar que o sombreiro ten tres picos que lembran a crista do galo. A outra hipótese ten a súa orixe na Guerra de Independencia fronte aos franceses. «Pensamos que podía ser unha maneira de burlarse dos exércitos napoleónicos», continúa.
O rancho de Reis de Salceda consta de tres actos: o primeiro é a danza, que inclúe a entrada dos danzantes o saúdo a dama e os primeiros puntos, o segundo é a contradanza, aquí o tamborileiro decide dar por rematado o baile dependendo da propina obtida e da paso a outro desfile, e, por último, a ribeirana ou muiñeira, que consta da elección da dama e o seu baile xunto ao danzante.
Artellar e representar un rancho de Reis ou de Entroido ten moito traballo detrás. Óscar e os seus compañeiros comezan a ensaiar ambas danzas en setembro. «Sempre hai xente nova que precisa aprender os pasos», explica. Ademais, hai que estar en forma para poder danzar un rancho de Reis. «Ten 14 puntos, aínda que só bailamos seis por danza, e hai moito salto entre eles. Non o pode facer calquera», indica Óscar, que lembra que a danza dura quince minutos.
El e o seus compañeiros son agora os gardiáns dunha tradición que é historia viva de Salceda. Salvárona do esquecemento e os maiores emocionábanse cando viron volver os ranchos que danzaban de mozos. Eles recuperaron e, tamén , adaptaron a danza aos tempos de hoxe. Antes de que desapareceran, só podían danzar homes, pero, agora, as mulleres tamén participan nuns ranchos que volverán musicar mañá o Nadal de Salceda de Caselas.