Un apagón obriga a suspender o partido do Asmubal coa Cañiza

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A CAÑIZA

Eli Méndez (na foto, nun partido anterior) foi xunto con Raquel Sineiro un pesadelo para a Cañiza ata a suspensión do partido
Eli Méndez (na foto, nun partido anterior) foi xunto con Raquel Sineiro un pesadelo para a Cañiza ata a suspensión do partido MONICA IRAGO

O equipo meañés dominaba o marcador 19-14 antes de ter que parar o xogo

03 mar 2025 . Actualizado a las 18:49 h.

Volvían as xogadoras e o corpo técnico do Inelsa Solar Asmubal Meaño á pista do Coirón Dena contentos e esperanzados coa segunda parte do seu duelo de Liga de División Honor Plata Femenina co Saeplast Cañiza cando, con 17-12 no marcador, se atoparon coa desagradable sorpresa. Mentres os dous equipos tomaban un respiro nos vestiarios, o resto do pavillón municipal quedaba practicamente a escuras. A razón, a caída de dúas das tres fases da instalación eléctrica do recinto deportivo. Un electricista tentou facer un apaño, unindo provisionalmente as tres fases, pero o parche durou o que o propio profesional do asunto agardaba, menos de cinco minutos da segunda parte.

Con 19-14 no marcador, os árbitros do encontro, Julio Villanueva Pérez e Pablo Torreiro Barros, acordaron a suspensión do mesmo. Agora, os dous clubs deben poñerse de acordo nunha nova data para a disputa dos 26 minutos de xogo restantes.

O adestrador do Asmubal Meaño, Juan Manuel Costas, declara que o seu desexo é poder disputar o partido a vindeira semana, a fin de non arrastrar o resultado dun duelo de tanto peso na clasificación como o que o medía ao cuarto clasificado. E iso, a unha xornada de xogarse o liderado e o título de grupo na cancha do Balonmano Gijón.

Antes do apagón definitivo, o Asmubal Meaño conseguira rachar coa igualdade reinante nos dez minutos iniciais. Primeiro, collendo unha renda de tres tantos. E nos derradeiros cinco minutos da primeira parte, abrindo a fenda ata os cinco de vantaxe, grazas á desfeita que Raquel Sineiro, no lateral esquerdo, e Eli Méndez, no centro do ataque meañés, fixeron na defensa da Cañiza coas súas accións de un para un. Entre as dúas anotaron a metade máis un dos 19 tantos do seu equipo antes da suspensión.