«Leva toda a vida sendo A Cañiza, con eñe»

Omar Goris A CAÑIZA / LA VOZ

A CAÑIZA

Omar Goris

Moitos na localidade de 5.046 habitantes recoñecen que non saben que a Comisión de Toponimia de Galicia propuxo cambiar o nome do concello por A Caniza

23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos na Cañiza (5.046 habitantes) recoñecen que non saben que a Comisión de Toponimia de Galicia propuxo cambiar o nome do concello para trocar o eñe por un ene. A Caniza. «Non me parece nada ben este cambio», di Amparo Abaldo Santiago, unha hostaleira de 59 anos que rexenta o bar Redondela. «Leva toda a vida sendo A Cañiza, con eñe», agrega Rosa Riveiro López, tendeira de 52 anos. «Non entendo o cambio», engade Ana Catarino Marino, que está na procura de traballo.

Entre as trinta persoas consultadas de xeito aleatorio no concello, a gran maioría non comprenden por que agora. «Eu nunca oín Caniza», di María Dolores Domínguez Simóns, parada de 56 anos. «Eu tampouco, nunca na vida», confirma unha señora con algunha década máis, mentres escapa para non afondar no seu argumento. «A min moi normal non me parece», insiste Elena Alonso, unha quiosqueira local. Dolores Sanmartín, que sae do supermercado, introduce outro elemento de reflexión: «O eñe é noso, é galeguiño».

Precisamente o que busca o novo nome é galeguizar o topónimo. Entre todos os consultados, a única que coñece a orixe de A Caniza é Lucía González, de 48 anos, que rexenta unha casa rural: «É pola existencia de edificacións erixidas con canas [en castelán, cañas]. Canizos son as construcións e a caniza é o lugar onde se atopaban». O académico Gonzalo Navaza, da Comisión da Toponimia, explicaba nun vídeo de hai dous anos que Caniza era o nome orixinal da vila, que incluso se atopa en documentos do século XVII. A Lucía parécelle ben que se recupere o topónimo orixinal.

Fernando Cao, de 58 anos, que leva unha carnicería, está radicalmente a favor. «O cambio de nome non molesta e xa a xente maior dicía Caniza, e non Cañiza», aclara.

Se a modificación vai adiante será para moitos habitantes, como recorda María Dolores Donga, de 53 anos, o segundo cambio de nome do concello, que xa perdeu o artigo La do castelán hai décadas, malia que aínda colea nas conversas.

No plano institucional reina a cautela. O alcalde, Luis Piña, do PSOE (sete concelleiros), non quere pronunciarse, á espera dunha xuntanza veciñal aberta cos responsables de Normalización Lingüística. O PP (seis edís), o mesmo. O BNG (sen representación na corporación) celebra o cambio e pide celeridade. A asociación de comerciantes, que preside Sandra Fidalgo, é cauta. Teme que un cambio no nome afecte na distribución de mercadorías.